Máis de 5.000 lucenses xa empregan Reciclos, a iniciativa do Concello e Ecoembes para para fomentar a reciclaxe de envases na cidade

A alcaldesa participou este mércores na entrega simbólica das donacións, por valor de 4.000 euros, que os veciños e veciñas realizaron a Alume e Asorlu, con esta campaña.

Lara Méndez agradeceu aos lucenses “o seu compromiso, tanto co medio ambiente, como coas asociacións de carácter social ás que están doando as súas recompensas”.

Así mesmo, a rexedora avanzou que a seguinte entidade en participar será Acadar, e animou aos cidadáns a “seguir colaborando para dar unha nova vida aos envases”.

Mércores, 11 de xaneiro de 2023
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Máis de 5.000 lucenses xa empregan Reciclos, a iniciativa do Concello e Ecoembes para para fomentar a reciclaxe de envases na cidade

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, acompañada dos edís de Medio Ambiente e Benestar Social, Miguel Fernández e Olga López,  participou este mércores na entrega simbólica das donacións que os veciños e veciñas de Lugo realizaron ás asociacións de Saúde Mental (ALUME) e Asociación de Persoas Xordas de Lugo (ASORLU), ao reciclar a través de Reciclos, un Sistema de Devolución e Recompensa (SDR), desenvolto por Ecoembes e implantado na cidade co apoio do Concello.

Reciclos púxose en marcha a mediados de setembro co obxectivo de fomentar a reciclaxe de envases no municipio e promover unha economía verde e circular. A través desta iniciativa, os veciños e veciñas de Lugo poden reciclar as súas latas e botellas de plástico de bebidas nun dos 800 contedores amarelos das rúas da cidade -aos que se lles incorporou un Código QR- e obter recompensas que poden doar a asociacións locais de carácter social.

A rexedora destacou “a boa acollida desta iniciativa, que xa conta na cidade de Lugo con máis de 5.300 usuarios”. Así, quixo “agradecer ás e aos lucenses o seu compromiso, tanto co medio ambiente, como coas asociacións que están a participar na campaña e ás que están doando as súas recompensas”. Deste xeito, subliñou que “dende a posta en marcha da acción, recadáronse 4.000 euros, que serán doados a Alume e Asorlu”.

Neste senso, puxo en valor “a solidaridade dos veciños e veciñas que, coa súa contribución, axudan a que estas entidades poidan seguir desenvolvendo labores tan importantes como atender as necesidades en saúde mental no municipio ou dar apoio aos cidadáns e cidadás que padecen pérdida de audición”.

Así mesmo, Lara Méndez avanzou que “a seguinte asociación de carácter social á que se poderán facer doazóns nas vindeiras semanas, a través de Reciclos, será Acadar, asociación de Mulleres con Discapacidade de Galicia” e animou a todos os e as lucenses a seguir facendo uso deste sistema co que ademais de colaborar con proxectos tan nobres e necesarios, contribúen á circularidade dos envases, é dicir, a darlles unha nova vida a través da reciclaxe”.

Pola súa banda, Bruno de Llano, especialista de Ecoembes en Galicia, mostrouse “moi satisfeito” coa implicación de todos os cidadáns de Lugo con este sistema. “É moi reconfortante apreciar como un xesto diario tan sinxelo como é reciclar pode non só axudar ao medioambiente, senón tamén a mellorar a calidade de vida dos cidadáns”, subliñou.

No acto de hoxe tamén participaron Daniel Lourés, presidente Asorlu; Mónica Álvarez, presidenta Acadar; Manuel Fernández, presidente de Alume; Aitana Rouco, María López e Juan Carlos Martínez, monitores de Alume e uns 35 usuarios desta asociación.

A alcaldesa aproveitou para “agradecer e dar a noraboa a estas entidades polo traballo diario que desempeñan e que resulta fundamental para acadar a plena inclusión, así como unha sociedade máis xusta e igualitaria, obxectivos que compartimos e polos que traballamos a diario dende o Concello”.

Así funciona Reciclos

Para facer uso deste sistema, os cidadáns só teñen que descargarse a app gratuíta Reciclos e, na casa, escanear o código de barras da lata ou botella de plástico que queren reciclar antes de tiralo ao cubo. Unha vez na rúa, cando acudan ao contedor amarelo coa súa bolsa de envases, deben depositala alí e escanear o código QR que hai no contedor.

Ao utilizar os contedores amarelos os usuarios obterán puntos, denominados Reciclos, que poderán cambiar polas distintas recompensas que teñan dispoñibles. Estes puntos terán un límite semanal co fin de que os cidadáns non só reciclen máis e mellor os seus envases, senón que consuman de forma responsable.

Lugo foi un dos primeiros concellos de Galicia en impulsar esta acción, coa que tamén se visibilizan os beneficios de reutilizar os envases e o aforro en emisións, auga e enerxía.

Audio

Multimedia

  • Máis de 5.000 lucenses xa empregan Reciclos, a iniciativa do Concello e Ecoembes para para fomentar a reciclaxe de envases na cidade
  • Máis de 5.000 lucenses xa empregan Reciclos, a iniciativa do Concello e Ecoembes para para fomentar a reciclaxe de envases na cidade

Noticias relacionadas