Lugo volve citarse co Tríatlon do Miño na súa 29ª edición, o que o converte nun clásico do calendario lugués

Miguel Fernández, Pablo Rivera, Ángeles Otero e José Ángel Fernández presentaron esta proba que se disputará este domingo no entorno do río Miño

Venres, 14 de xullo de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lugo volve citarse co Tríatlon do Miño na súa 29ª edición, o que o converte nun clásico do calendario lugués

O Concelleiro de Deportes e Medio Rural, Miguel Fernández, presentou este venres, xunto ao Deputado de Deportes, Pablo Rivera, e os representante da Federación Galega de Triatlón e da Asociación Deportiva Fefeme, organizadora do evento, Ángeles Otero e José Ángel Fernández, respectivamente, o XXIX Tríatlon do Miño. Esta veterana proba disputarase este domingo, 16 de xullo, no entorno do río.

No acto, tanto Miguel Fernández como Pablo Rivera amosáronse encantados de colaborar, como en edicións anteriores, con esta cita deportiva, clásica no calendario deportivo lugués. Así mesmo, felicitaron aos colectivos organizadores por ter alcanzado unha edición ao alcance de poucas probas deste nivel en Galicia.

Pola súa banda, Otero e Fernández, deron conta, polo miúdo do horario das probas, que é o seguinte:

  • 9:50 horas - Saída Nada e corre benxamín e alevín, sen nivel competitivo
  • 10:00 horas - Saída proba popular minisprint. 300 metros de natación, 13 kilómetros de ciclismo e 2,5 kilómetros a pé
  • 11:00 horas - Saída proba masculina sen tempo de corte. Os participantes darán unha volta a un circuíto de 750 metros a nado, unha volta o circuito 19,5 kilómetros en bicicleta e 5 kilómetros a pé. Nesta modalidade dárase unha soa volta
  • 12:20 horas - Saída proba masculina con tempo de corte, cun tempo de corte ao finalizar ciclismo – 59 minutos para completar os dous sectores
  • 12:30 horas - Saída proba feminina

Outras distancias

Os nenos e nenas participantes da categoría Nada e corre, percorrerán unha distancia de 150 metros de natación e 500 metros a pé. Por outra banda, as persoas que participen na proba popular darán unha volta a un circuíto de 750 metros a nado, 2 voltas a un circuíto de 19,5 kilómetros en bicicleta e unha volta a un circuíto de 5 kilómetros a pé. Aqueles inscritos e inscritas na categoría de elite enfrontaranse a unha volta a ese circuíto de 750 metros a nado, 3 voltas a ese circuíto de 19,5 kilómetros de ciclismo e 2 voltas a pé, nese circuíto de 5 kilómetros.

A entrega de trofeos terá lugar ás 14:00 horas, que nesta edición conta cun total de 1.200 euros en premios para repartir entre os competidores masculinos e femininos.

A carreira rexerase segundo as normativas vixentes do Regulamento Oficial de Competición da Federación Galega de Triatlón.

Noticias relacionadas