Lugo rexistra unha boa ponte do primeiro de maio, con máis de 1.400 turistas

Mércores, 02 de maio de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, fixo un balance positivo da ponte do primeiro de maio, na que pola Oficina Municipal de Turismo e os museos municipais pasaron máis de 1.400 persoas, mantendo o tirón das mesmas datas do pasado ano.

Dende o pasado vernes e ata onte martes, o centro de atención aos turistas da Praza do Campo recibiu a visita de case 800 persoas, sendo o luns o día de maior actividade, 236. Unha vez máis, predominan as e os visitantes nacionais,uns 680 na Oficina de Turismo, con máis de 70 persoas en total procedentes de Europa e 34 americanas, entre outros. Dendo da comunidade galega, destaca a visita das e dos viaxeiros procedentes de A Coruña.

No que se refire á rede museística municipal, a Domus do Mitreo e a Casa dos Mosaicos foron os espazos que máis interese espertaron nas e nos turistas, con máis de 550 visitas.

Nesta ponte, o Concello tamén ofreceu visitas guiadas ao Vello Cárcere e polo rural de Lugo, ademais de distintas exposicións e actuacións de danza. "De novo os viaxeiros e viaxeiras escollen Lugo pois atopan no municipio unha proposta completa; con cultura, gastronomía e patrimonio, sen renunciar á natureza", subliñou Basadre.

Noticias relacionadas