Lugo acollerá en xuño o XXVII Campionato de España Infantil Masculino de Baloncesto

Miguel Fernández participou na presentación desta proba deportiva, que se celebrará entre Lugo e Sarria do 12 ao 18 de xuño e na que se darán cita ao redor de 30 equipos e preto de 500 deportistas

Luns, 15 de febreiro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lugo acollerá en xuño o XXVII Campionato de España Infantil Masculino de Baloncesto

O Concelleiro de Deportes e Medio Rural, Miguel Fernández, o vicepresidente da Deputación, Antonio Veiga, a Alcaldesa de Sarria, Pilar López, o concelleiro de deportes de Sarria, Efrén Castro, o presidente da Federación Galega de Baloncesto, Francisco Martín, e o presidente do Estudiantes e do CB Sarria, Jesús Lázare e Francisco García, respectivamente, presentaron este luns no Salón de Plenos do Pazo de San Marcos o XXVII Campionato de España Infantil Masculino de Baloncesto, co que colabora o Concello.

“Lugo é unha cidade volcada co deporte”, asegurou Fernández no acto de presentación, onde destacou a aposta do Concello polo deporte, en todas as modalidades e para todas as idades. Neste senso, o edil subliñou a oportunidade que supón este evento deportivo para impulsar a cidade de Lugo e o seu patrimonio, pois mobiliza a 500 deportistas, ducias de responsables arbitrais e federativos, así coma unha asitencia dunhas 1.200 persoas. Estes datos xunto co número de seguidores que desprazan este tipo de eventos fai que a organización estime o impacto económico en Lugo e Sarria en preto de 1,5 millóns de euros, servindo como plataforma para que moitos visitantes podan disfrutar da potencialidade turística de ambos os dous Concellos.

A presente edición, que terá lugar nos concellos de Lugo e Sarria, disputarase entre o 12 e o 18 do mes de xuño. Na XXVII edición participarán ao redor de 30 equipos chegados de toda a xeografía estatal. O campionato comezará cunha fase de 8 grupos con catro integrantes en cada un deles, seis dos grupos disputarán os seus partidos nos pavillóns da cidade de Lugo, os dous grupos restantes, terán a súa sede en Sarria. A fase final disputarase do 15 ao 18 de xuño e abranguerá partidos desde oitavos de final ata a final da que sairá o vencedor.

Noticias relacionadas