Lugo acolle o 18 de novembro o Campionato de España de Boxeo en peso medio

Miguel Fernández, Pablo Rivera, Alberto Piñeiro O Piña, Miki Sánchez e Pablo Yáñez presentaron este campionato, no que o boxeador lucense pode proclamarse campión de España

O boxeador O Piña uniuse á campaña do Concello Chamar ao 092, o teu mellor golpe, facendo un chamamento á concienciación da mocidade sobre este tipo de prácticas non recomendables fóra do ring

Martes, 15 de novembro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lugo acolle o 18 de novembro o Campionato de España de Boxeo en peso medio

O Concelleiro de Deportes e Medio Rural, Miguel Fernández, o Deputado de Deportes, Pablo Rivera, o boxeador Alberto Piñeiro O Piña, o adestrador do púxil, Miki Sánchez, e o secretario do Club de Boxeo Xan Pérez, Pablo Yáñez, presentaron este martes no Salón de Plenos o Campionato de España de Boxeo en peso medio, que terá lugar o vindeiro venres, 18 de novembro, ás 20:30 horas no Pavillón Municipal dos Deportes.

Miguel Fernández deu a benvida ao púxil, que poderá converterse no primeiro campión de España se derrota ao madrileño Dani Pérez Salido, actual campión dos pesos medios. O edil amosou o seu convencemento de que “desta volta si imos ter un campión lucense de boxeo”.

Pola súa parte, Pablo Rivera dixo estar “confiando plenamente na vitoria do noso púxil, que volveu ilusionar aos afeccionados lucenses na competición deportiva do boxeo, desexándolle moitos éxitos na súa carreira”.

Miki Sánchez indicou que veñen “cos deberes feitos, pedindo sorte para acadar o éxito que perseguimos por segunda vez, tralo intento errado de fai seis meses”. Quixo deixar claro que dos erros se aprende, por iso, tomaron nota do acontecido con anterioridade.

O boxeador lucense O Piña congratulouse de poder contar cunha segunda oportunidade que non deixará escapar, sentíndose, nestes momentos mellor que nunca par poder acadar o éxito que se lle negou a última vez. Só ten un resultado en mente, a súa vitoria, vitoria que quere dedicar á magnífica afección de Lugo que o apoia sempre dun xeito multitudinario.

Coincidiron todos en desexar que o Pavillón Municipal dos Deportes de Lugo se volva a encher para animar ao púxil lugués e así acadar o galardón de ser o primeiro lucense que se proclame campión de España de boxeo.

Ademais, O Piña uniuse á campaña do Concello Chamar ao 092, o teu mellor golpe, facendo un chamamento á concienciación da mocidade sobre este tipo de prácticas non recomendables fóra do ring. O evento súmase á iniciativa Lugo en negro contra a violencia de xénero.

Noticias relacionadas