Lara Méndez impulsa a harmonización dos criterios que rexerán a concesión das licenzas urbanísticas a través dunha nova Ordenanza

A medida, xunto á ordenación previa do persoal, será clave para incrementar a eficacia da administración.

A rexedora aspira a que “esta regulación integral axilice a tramitación, fomente a participación cidadá e contribúa á dinamización económica do municipio”.

Sostibilidade Urbana abre dende hoxe unha consulta pública a profesionais, colectivos e veciñanza coa finalidade de que fagan as súas achegas.

O executivo local traballa co obxectivo de que a norma poida entrar en vigor antes de que remate o ano.

Luns, 10 de maio de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez impulsa a harmonización dos criterios que rexerán a concesión das licenzas urbanísticas a través dunha nova Ordenanza

A área de Sostibilidade Urbana elaborará unha Ordenanza reguladora das licenzas urbanísticas. Un documento que pretende ser o marco normativo de referencia, para Administración e administrados, harmonizando e unificando os criterios que rexerán a tramitación dos títulos habilitantes de obra e actividade no Concello de Lugo.

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, explicou hoxe durante a súa presentación, que a medida, xunto á ordenación previa do persoal, “será clave e imprescindible” para incrementar a eficacia da institución.

A rexedora sinalou que, até a data, os diferentes servizos que integran a área “están a basear as decisións técnicas que se adoptan en leis de rango superior sen que, na actualidade, exista unha regulación integral que dea cobertura á necesidade de homoxeneizalas, concertándoas ademais coa ordenación urbanística e sectorial e coa casuística local”.

“O que pon de manifesto a conveniencia dunha revisión en profundidade que, por unha parte, permita a adecuación ás novas disposicións legais - resultado da destacable actividade lexislativa dos últimos anos en materia urbanística, medioambiental e de procedemento administrativo - e que, pola outra, propicie a axilización dos procedementos, mellorando o funcionamento municipal e diminuíndo os tempos de resposta ás solicitudes das persoas interesadas”, abondou Méndez.

A alcaldesa de Lugo subliñou, alén, que, entre os propósitos que persegue esta Ordenanza, atópase o de “fomentar e impulsar a participación cidadá e a dinamización económica do concello, favorecendo o desenvolvemento de actividades, grazas á estabilidade que xerará a existencia desta nova esfera normativa, que non pode nin debe ser incompatible co crecemento dinámico da cidade”.

Pola súa banda, o edil Álvaro Santos, referiu que a entrada en vigor desta Ordenanza - baixo a que terán amparo as licenzas urbanísticas, de primeira ocupación, de segregación, cambios de titularidade da actividade, comunicacións previas de obras, comunicacións previas de obras para actividades e declaracións responsables de actividades, entre outros títulos habilitantes - propiciará un cambio nas dinámicas internas do persoal municipal, “en tanto favorecerá un traballo moito máis transversal, complementario e colaborativo entre as diferentes seccións que o integran e que permitirá, á súa vez, un maior control sobre a calidade da xestión que se realiza”.

“Deste xeito – engadiu Santos Ramos - minórase a burocracia, simplificando as partes do proceso, alcanzando unha comunicación máis directa, concreta e dilixente para cos colectivos profesionais, os promotores das actuacións e á cidadanía en xeral”.

O responsable de Sostibilidade Urbana destacou, de igual xeito, que o novo texto implicará a creación, nunha fase posterior, de anexos específicos para as distintas intervencións existentes co fin de incrementar a fluidez e de abreviar a xestión documental.

“Estamos seguros de que a simplicidade e racionalización das tramitacións, incorporando criterios de calidade no desempeño do servizo, reverterá nunha mellora da abordaxe dos expedientes de disciplina urbanística, un factor ao que tamén contribuirá a incorporación das ferramentas dixitais que prevemos implantar”, indicou o edil.

Consulta Pública

Logo de asinarse hoxe o Decreto, xustificando a conveniencia da actuación, a área de Sostibilidade Urbana abre un proceso de consulta pública co fin de que os sectores e colectivos máis afectados pola aplicación da norma poidan realizar as súas achegas.

Durante os vindeiros 15 días naturais as persoas ou entidades interesadas en realizar algunha suxestión á mesma poderán enviala a través da dirección electrónica habilitada ao efecto: ordenanzaurbarnismo@lugo.gal

“Coñecedores das inquedanzas sectoriais, queremos ser sensibles coas súas necesidades polo que convidamos tanto ás e aos profesionais como á veciñanza en xeral, a participar no proceso para trasladar as súas propostas co fin de enriquecer o documento”, asegurou a rexedora.

O executivo local traballa co obxectivo de que a norma poida estar operativa antes de que remate o ano.

Trala finalización da consulta, a área de Sostibilidade Urbana que dirixe Álvaro Santos, elaborará o proxecto de Ordenanza que continuará coa súa tramitación para ser aprobada de forma inicial en Pleno. E logo dun período de 30 días de exposición pública (BOP) entrará en vigor. De haber alegacións á mesma e ser estimadas deberá someterse a aprobación definitiva nunha nova sesión plenaria.

“A nosa intención é, sendo receptivos ao mesmo tempo coas propostas que se nos trasladen, traballar sen dilacións para poder aplicala canto antes, tendo en conta a transcendencia que terá, tamén a nivel económico, dispoñer dela”, concluíu Lara Méndez.

Audios

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre a ordenanza de Urbanismo | Descargar mp3
  • O edil de Sostibilidade Urbana, Álvaro Santos, sobre a ordenanza de Urbanismo | Descargar mp3

Multimedia

  • Lara Méndez impulsa a harmonización dos criterios que rexerán a concesión das licenzas urbanísticas a través dunha nova Ordenanza
  • Lara Méndez impulsa a harmonización dos criterios que rexerán a concesión das licenzas urbanísticas a través dunha nova Ordenanza

Noticias relacionadas