Lara Méndez defende á forza das mulleres rurais como motor do emprendemento e de loita contra o abandono da Galicia interior

A alcaldesa de Lugo clausurou hoxe o encontro da xornada organizada por FADEMUR co apoio do Concello para abordar os desafíos da igualdade no ámbito rural.

O encontro, celebrado no MIHL, foi inaugurado pola vicepresidenta terceira e ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Teresa Ribera.

Xoves, 24 de febreiro de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez defende á forza das mulleres rurais como motor do emprendemento e de loita contra o abandono da Galicia interior

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, clausurou hoxe a xornada A Forza das Mulleres Rurais, organizada pola Federación de Asociacións de Mulleres Rurais de Galicia coa colaboración do Concello e da Deputación de Lugo, no MIHL (Museo Interactivo da Historia de Lugo). 

A rexedora destacou que “dende o executivo municipal apoiamos firmemente o desenvolvemento de encontros que, como o de hoxe, axudan a poñer o foco sobre o papel das mulleres como motor do emprendemento e da loita contra o abandono do rural”. Puxo en valor que nestes foros participen mulleres que son todo un exemplo de superación, así como destacadas personalidades do mundo do cine, a poesía e da política, “porque apórtanos distintas visións que buscan, entre todas, empoderar e mellorar a vidas das mulleres, onde a desigualdade é máis acusada incluso no ámbito rural”.

Engadiu, así mesmo, que “é fundamental que as administracións esteamos ao carón destas mulleres porque son fundamentais para abordar as transformacións que veñen operando no mundo laboral, relativo ao ámbito rural, de cara a mellorar as condicións de vida das persoas que viven no e do campo e as súas familias”, engadiu.

A xornada foi inaugurada pola Vicepresidenta Terceira e ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Teresa Ribera,  que estivo acompañada da presidenta de Fademur; Teresa López; o presidente da Deputación, José Tomé Roca; e o secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García.

Durante a mesma, desenvolvéronse dúas mesas redondas, a primeira sobre Experiencias Emprendedoras, na que cinco mulleres da provincia de Lugo expuxeron as súas vivencias e puntos de vista sobre o emprendemento no rural; e, a continuación, tivo lugar a segunda, baixo o título Alianzas para cambiar o relato. Realidade e imaxe, na que interviñeron diferentes actores sociais, como os directores de cine Dani de la Torre e Óliver Laxe; Olga Novo, premio nacional de poesía; Laura Vallejo, influencer e imaxe de Husqvarna; Francesc Boya, Secretario Xeral para o Reto Demográfico; e María José Gálvez, Directora Xeral do Libro e Fomento da Lectura.

Multimedia

  • Lara Méndez defende á forza das mulleres rurais como motor do emprendemento e de loita contra o abandono da Galicia interior

Noticias relacionadas