Lara Méndez avanza en Fingoi o proxecto de renaturalización que transformará a Praza Roxa nun novo pulmón verde de Lugo

A alcaldesa e o edil de Medio Ambiente presentaron á veciñanza da contorna as liñas estratéxicas da actuación para a que se reserva un orzamento próximo ao millón de euros.

A intervención favorecerá a creación dun espazo libre de 6.000 m² que conxugará areas axardinadas con todos os usos e servizos que ofrece na actualidade.

Os principios de accesibilidade e sostibilidade guiarán o deseño que inclúe a construción dunha zona infantil cuberta e un parque urbano con zonas de auga.

“Esta praza será o exemplo de cara onde camiña Lugo na creación de espazos públicos, onde os materiais duros desaparezan en prol de contornas verdes e naturais”, afirma a rexedora.

Martes, 21 de marzo de 2023
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez avanza en Fingoi o proxecto de renaturalización que transformará a Praza Roxa nun novo pulmón verde de Lugo

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, presentou esta tarde á veciñanza de Fingoi o proxecto de renaturalización co que a rexedora pretende transformar a coñecida como ‘Praza Roxa’ nun novo pulmón verde da cidade.

Méndez, acompañada do tenente de alcaldesa e concelleiro de Medio Ambiente, Miguel Fernández, deu conta ás persoas residentes na contorna dalgúns dos detalles do proxecto, cuxa materialización suporá un investimento municipal próximo ao millón de euros, o que dá conta do seu calado.

“Unha obra que será exemplo de cara onde camiña Lugo na creación de espazos públicos, nos que os materiais duros, como o formigón ou o cemento, irán desaparecendo en prol de contornas verdes, moito máis naturais, saudables e confortables. Neste caso, ademais, a praza experimentará un xiro de 360º, na que só se manterá o vermello da cancha coa que se identifica o recinto, para converterse nun oasis urbano de vexetación que predominará como constante na conciliación de espazos abertos para o xogo, o deporte, o paseo ou o descanso”, sintetizou Lara Méndez.

Segundo explicou a rexedora, a actuación favorecerá a creación dun espazo libre dunha superficie aproximada de 6.000 m² – da que o 70% será zona verde - aproveitando o sistema dotacional existente, no que se conxugarán áreas axardinadas con todos servizos que ofrece na actualidade.

“Apostamos por unha reconversión absoluta da zona que desbotará o concepto actual de partes estancas - cada unha cun destino ou finalidade diferente - por outra configuración moito máis aberta e integradora de usos conectados dentro da trama urbana”, sinalou Lara Méndez.

Así, a futura praza será deseñada aliñada nos principios de accesibilidade e sostibilidade, seguindo o modelo de municipio que a alcaldesa está a impulsar dende o mandato pasado.

“Traballamos coa previsión de executar unha zona de tránsito de plataforma única, sen escaleiras, que favoreza unha maior inclusión y máis comodidade ao tempo que axuda ao acougado do tráfico, coa consecuente mellora da seguridade para as persoas usuarias e que será compatible co mantemento do número de prazas de estacionamento hoxe operativas”.

“Desbotarase a urbanización que hai agora mesmo, estruturada en áreas funcionais independentes, rachando coas cubertas de materiais duros, así como coa sensación de illamento que transmiten os peches perimetrais para dar paso a un lugar de socialización, divertimento, repouso e convivencia interxeracional”, avanzou Méndez.

“Está previsto que acolla un gran espazo deportivo ao aire libre, que manteña a esencia da actual, e un novo parque infantil cuberto que poderá usarse durante todo o ano. Igualmente, habilitaremos unha extensa superficie verde, conservando o arboredo existente, na que terá cabida unha zona de auga”, adiantou a rexedora.

Ademais do emprego de materiais sustentables e reciclados, avanzarase no uso de novas técnicas construtivas, como o aproveitamento do ciclo de auga, desde a recollida de choiva na cuberta da área de xogo ao seu almacenamento na zona acuática.

Antes de rematar, a alcaldesa puxo en valor o traballo que dende o Concello se está desenvolvendo para mellorar os espazos públicos da capital, “para que sexan modernos e innovadores e aos que queremos dotar dunha identidade propia e diferenciada, acorde coa idiosincrasia de cada barrio, estudando e aplicando novos conceptos urbanísticos e paisaxísticos que redundarán, sen ningunha dúbida, nunha maior calidade de vida da cidadanía: a nosa principal prioridade na transformación de Lugo, especialmente dende a chegada da pandemia”.

Neste sentido, o concelleiro de Medio Ambiente, Miguel Fernández, lembrou que nos últimos meses o Executivo de Lara Méndez, alén de anunciar a creación do primeiro ecoparque de Lugo na praza do Campo Castelo, rehabilitou e mellorou os parques do Miño, Roi Xordo, Parga Cerezo, San Roque, Río Mandeo, Avenida das Américas, Augas Férreas, Rosalía de Castro ou Aquilino Iglesia Alvariño, entre outros nos que tamén se inclúen o de Novo Freire, de nova creación, e o do Castiñeiro, xa en licitación, ademais de manterse a planificación prevista para habilitar novos espazos en Paradai e Fontiñas, atendendo ás demandas que traslada a cidadanía.

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre a transformación da Praza Roxa | Descargar mp3

Multimedia

  • Lara Méndez avanza en Fingoi o proxecto de renaturalización que transformará a Praza Roxa nun novo pulmón verde de Lugo

Noticias relacionadas