O edil de Deportes pide á afección lucense que encha o pavillón, “para unha cidade como Lugo é moi importante contar con equipos deportivos na elite”, destacou.
- Tema

O Pavillón municipal de Deportes será este sábado o escenario no que se disputen importantes encontros para os intereses dos equipos de fútbol sala lucenses na súas respectivas loitas por lograr os ascensos. Así, ás oito da tarde, o Lugo Sala recibirá ao Albense, co que se xogará o pase á segunda rolda da fase de ascenso á Segunda División. Un pouco antes, ás 16.45 horas, o Ribeira Fútbol Sala recibe, no partido de ida, ao Ventorrillo, para disputar a final galega de Terceira Disivión. O partido de volta se disputará o día 1 de xuño, en A Coruña, e o gañador xogará a eliminatoria decisiva polo ascenso a Segunda B, contra o Castro Urdiales.
O edil de Deportes, Jorge Bustos, sinalou que ambos equipos contan co total apoio do Concello de Lugo e pediu á afección do fútbol sala e aos lucenses en xeral que respondan e enchan o pavillón municipal para animar aos equipos lucenses nos seus respectivos compromisos deportivos. “Para unha cidade como Lugo é moi importante contar con equipos deportivos na elite, e este sábado temos a posibilidade de dar un gran paso para lograr os ascensos a categorías que poden reportar grandes alegrías para Lugo, tanto desde o punto de vista deportivo como de promoción turística da cidade”. Ademais, o concelleiro de Deportes falou de como “a visibilidade e os bos resultados que logran estes equipos é clave para crear canteira”.
Precisamente, os xuvenís do Lugo Sala, Automóviles M. Losada, tamén xogarán o sábado, ás 13.00 horas, no pavillón municipal un partido decisivo para conseguir o ascenso a Terceira División. O filial xogará esta segunda e definitiva rolda eliminatoria polo ascenso ante o Concello de Begonte FS.

