A gala solidaria da Fundación ANADE, coa que colabora o Concello, celebrarase o 18 de novembro no Gran Hotel

Ana González Abelleira, José Colmenero e Ángeles Fernández presentaron esta gala, na que se fará entrega de premios a entidades que traballan pola inclusión das persoas con capacidades diferentes

Luns, 14 de novembro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A gala solidaria da Fundación ANADE, coa que colabora o Concello, celebrarase o 18 de novembro no Gran Hotel

A Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana González Abelleira, o Presidente da Fundación ANADE, José Colmenero, e a Delegada da Fundación ANADE en Lugo, Ángeles Fernández, presentaron este luns no Salón de Plenos a gala solidaria da Fundación ANADE, que se celebrará o 18 de novembro a partir das 20:30 horas no Gran Hotel.

Ana González Abelleira agradeceu á Fundación ANADE “todo o seu traballo a prol da inserción laboral das persoas con capacidades diferentes e enfermidades mentais, animando a toda a cidadanía a que acuda a esta gala solidaria, xa que ademais contará con moitas sorpresas”.

Pola súa parte, José Colmenero agradeceu “o apoio que lle prestou sempre o Concello á Fundación ANADE, que con estes premios de integración social, pretendemos recoñecer o importante labor que desenvolven distintas entidades pola inclusión das persoas con discapacidades”.

Finalmente, Ángeles Fernández explicou que “nesta gala farase entrega do premio O Resto do Mundo, que se lle concedeu á Asociación Nacional de Fundaciones Tutelares, unha entidade que traballa polos dereitos das persoas con discapacidade intelectual, e o premio Galicia, que se lle outorgou á Inspección Técnica de Vehículos, polo labor que realiza esta empresa a prol integración destas persoas, chegando ao catro por cento dos seus traballadores e traballadoras na actualidade”.

As entradas, que teñen un prezo de 35 euros, poden reservarse chamando á Fundación ANADE ao teléfono 610-534-789 e mercarse no propio Gran Hotel antes de que comece a gala.

Noticias relacionadas