Esta fin de semana celébrase o VI Rali Cidade de Lugo

Xoves, 23 de abril de 2009
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concelleiro de Deportes, José Manuel Díaz Grandío, Antón Veiga en representación da Área de Deportes da Deputación Provincial e José Legaspi e Carlos Somoza, membros da Asociación Lucense de Coches Antigos e Clásicos, presentaron o VI Rali Cidade de Lugo que se celebrará o vindeiro sábado 25 de abril a partir das 10:00 horas. Esta proba, que se celebra por sexto ano consecutivo, desenvolverase ao longo da xornada por estradas de Lugo, Castroverde, Pontenova, Baralla, Meira e Castro de Ribeiras de Lea.

A carreira convocará na cidade a mútiples coches antigos, algúns tan míticos como o Porsche Carrera 911, o Lancia Fulvia, o Jaguar XK140, ou os clásicos Mercedes, o Mini ou o Renault 8 que farán as delicias dos lucenses que se acheguen a saída para contemplar a súa beleza, algúns considerados auténticas xoias do coleccionismo de automóbiles.

Este ano cóntase xa con 48 coches inscritos para participar nesta carreira na que os pilotos deberán amosar as súas habilidades e a destreza na condución nun percorrido de 320 quilómetros. O trazado da proba será entregado aos participantes ao comezo da carreira para evitar adestramentos previos.

Este rali non é unha proba de velocidade, senón que os participantes compiten por amosar as súas habilidades e destreza na condución, pois as velocidades medias rondan os 50 quilómetros por hora.

O Concelleiro destacou que "esta carreira estase a converter nun acontecemento deportivo plenamente afianzado e nun referente entre os afeccionados ao mundo do motor de Lugo e incluso de fóra".

A proba, que comezará ás 10:00 horas na praza Maior, está previsto que remate preto das 20:00 horas no mesmo lugar, no que os coches estarán aparcados ata as 21:15 horas para que todos os lucenses que o desexen podan achegarse a contemplar estas auténticas xoias do motor.

Horario estimado:

  • Praza Maior de Lugo 8:30 a 10:00
  • Saída Praza Maior de Lugo 10:30
  • Adai 11:00
  • Castroverde 11:30
  • Baralla 12:00
  • A Lastra 13:00
  • Meira 14:00 (parada para xantar)
  • Saída de Meira ás 16:00 horas
  • Pontenova 17:30
  • Chao de Pousadoiro 18:45
  • Meira 19:00
  • Castro de Riberas de Lea 19:30
  • Praza Maior entre as 20:00 e as 21:15 horas.

Multimedia

Noticias relacionadas