Master class, concertos, exposición de instrumentos ou audicións son algunhas das alternativas, que presentaron este mércores Manuel Núñez, Efraím Díaz e Mercedes Autrán
- Tema

O Concelleiro de Educación e Infraestruturas Urbanas, Manuel Núñez, o xefe de estudos e a secretaria da Escola Municipal de Música de Lugo, Efraím Díaz e Mercedes Autrán, respectivamente, e unha alumna, Pepita Regueiro; presentaron este mércores, na Sala de Usos Múltiples do Edificio de Novas Tecnoloxías, as novas actividades que teñen preparadas nesta escola para este mes de xuño.
Mañá xoves día 8 arrincará o ciclo A liberdade dende a música, que terá lugar no Centro Sociocultural do Vello Cárcere. En concreto, nesta sesión celebrarse un intercambio entre as escolas de música de Lugo e de San Marín dos Andes (Arxentina). Haberá unha master class, a cargo de Pablo D.Robero e Laura Weihmüller ás 18:30 horas no auditorio deste centro, e un concerto de música arxentina no patio. Ademais mañá rematará a xornada de portas abertas da escola, de 16:00 a 20:00 horas.
Este ciclo continuára o 13 de xuño, cun relatorio da evolución do pito pastoril en Galicia ás 19:00 horas no auditorio, da man de Efraím Díaz. Ademais haberá unha exposición destes instrumentos musicais e un concerto, que ofrecerá o alumnado e grupo didáctico de pito pastoril.
O 15 de xuño, o Auditorio Municipal Gustavo Freire acollerá o concerto didáctico extraordianrio Fantasía, ás 19:00 horas. Música e maxia daranse a man a través da Banda Municipal e David Méndez. A entrada é de balde con invitación, que se pode recoller na Escola Municipal de Múscia.
O 19 de xuño, en xornada de tarde, haberá audicións da ESMU Lugo no Salón de Actos do Centro Sociocultural Uxío Nonoveyra, ás 17:00 horas de clarinete, ás 19:00 de saxofóns, e ás 20:00 de frautas. Ao día seguinte, esta audición terá lugar no patio do Vello Cárcre ás 20:30 horas. Será a quenda do alumnado de piano, de formación de adultos e da charanga.
Por último, o 21 de xuño celebrarase o concerto fin de curso, ás 19:30 horas, no Auditorio Municipal Gustavo Freire. A entrada é de balde, ata completar aforo.
Audio
- Manuel Núñez - Ciclo música | Descargar mp3