A edil de Benestar Social dalle á benvida aos participantes no curso de capacitación dixital para maiores de 65 anos

Mércores, 21 de outubro de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A edil de Benestar Social dalle á benvida aos participantes no curso de capacitación dixital para maiores de 65 anos

A edil de Benestar Social, Olga López Racamonde, saudaba esta maña aos participantes no curso de alfabetización dixital que a súa área organizou para convidar ás persoas maiores de 65 anos a familiarizarse coas TIC.

A concelleira visitaba as instalacións do Edificio de Novas Tecnoloxías, que xunto a Aula Cemit María Balteira son as localizacións nas que se imparte a formación, para dárllela benvida ás e aos asistentes e animalos a que continúen aproveitando o seu tempo libre dunha forma activa e didáctica.

Olga López sinalou que aínda quedan prazas libres á disposición da veciñanza e convidou á cidadanía a inscribirse. “Cómpre lembrar que se desenvolve en catro convocatorias, en períodos de 10 días, a razón dunha hora por xornada que pode ser tanto en quenda de mañá como de tarde e que os usuarios e usuarias poderán escoller conforme as súas preferencias”.

Segundo indicou a concelleira, para completar as 9 prazas habilitadas por turno, priorizaranse factores como a situación de vulnerabilidade, os recursos económicos e mesmo o nivel de soidade das e dos candidatos.

A matrícula poderá realizarse ben a través dos números de teléfono 646706344./ 689307601 en horario de 9:00 a 14:00; ben do correo electrónico animacion.sociocultural@lugo.gal ou benpresencialmente, solicitando cita previa nos centros sociais Maruja Mallo ou Milagrosa.

Por outra banda, López Racamonde recordou que, dende Benestar Social se convocou tamén outro curso para adquirir competencias na tramitación básica coa administración electrónica, neste caso, destinado a persoas usuarias dos Servizos Sociais que xa teñan coñecementos básicos no manexo do ordenador e que terá unha duración de tres semanas a razón de hora e media diaria.

A responsable da área destacou que, dentro dos protocolos COVID e medidas de protección que son de aplicación, ao inicio da actividade estase a entregar a cada participante unha enquisa para autoavaliar síntomas e contactos con outras persoas, co fin de garantir aulas o máis seguras posible.

Para maior información sobre a programación poden consultarse as bases e anexos da mesma a través da seguinte ligazón que se atopa aloxada na web municipal www.concellodelugo.gal.

Máis info

Multimedia

  • A edil de Benestar Social dalle á benvida aos participantes no curso de capacitación dixital para maiores de 65 anos

Noticias relacionadas