Dispositivo especial de tráfico e mobilidade para as festas do San Froilán 2017

Sábado, 23 de setembro de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concello de Lugo elaborou un dispositivo especial de tráfico e mobilidade para garantir a seguridade cidadá e o éxito do San Froilán, que xeran un importante tránsito, tanto de persoas, como de vehículos, en toda a cidade. Deste xeito, coa posta en marcha deste dispositivo, a entidade local pretende minimizar os inconvenientes á veciñanza, ao tempo que se aseguran as mellores condicións destes festexos.  

O Concello solicita a colaboración cidadá pedindo aos veciños que reduzan o uso dos coches e fai un chamamento á utilización dos aparcadoiros disuasorios: dous en Campos Novos, As Termas e Sanfiz.

As festas, como vén sendo tradicional, celebraranse nas vías inmediatas ao Parque Rosalía de Castro (lugar de localización do recinto feiral). A praza Horta do Seminario acollerá os distintos concertos, o patio do edificio administrativo do concello destinarasepara actividades e espectáculos do San Froilán Miúdo, o cantiño Nemesio Cobreros e a explanada contigua á rúa Soto Freire estarán dedicadas a diferentes exposicións.Polo tanto, as vías incluídas dentro do recinto feiralseránas seguintes: explanada do Pazo Municipal dos Deportes, costas do Parque, paseo Vila de Foz, avenida García Portela, praza de Avilés, Puro Cora, avenida Rodríguez Mourelo e fondo da praza Maior.

A montaxe das distintas atraccións no recinto feiral poderase iniciar ás 00:00 horas do día 23 de setembro, e o seu funcionamento comezará o día 29, e finalizará o día 15 de outubro.

O asentamento das caravanas das e dos feirantes realizarase igual que o ano pasado, nas rúas incluídas dentro das unidades de actuación Norte 1 e Norte 2 (inmediacións do centro comercial As Termas).

O operativo de tráfico implica medidas como a restrición da circulación ou cortes de tráfico, polo que se solicita o máximo respecto á sinalización provisional e aos corpos de seguridade. Consta de dous procedementos e aplicarase dende as 19:00 horas do venres día 290de setembro ata as 06:00 horas do luns día 16 de outubro.

Procedemento A:

Será o que se manteña mentres permaneza pechado o recinto feiral e se permita a circulación pola rúa Vilalba, avenida de Ramón Ferreiro e rúa Alcalde Anxo López Pérez.

Durante este procedemento, as vías incluídas dentro do recinto feiral cortaranse ao tráfico os días que permaneza en funcionamento este, e cando así o estime oportuno o xefe  de quenda, e irá en función da afluencia de persoas. Poderá terse como hora de referencia as 19:00 horas.

Procedemento B:

Será o que se estableza cando se realice o corte da ronda da Muralla á altura da rúa Santiago.

Aplicarase aos días festivos e ás fins de semana, coincidindo cunha maior afluencia de público, aínda que poderá adiantarse xa á fin de semana do 29, 30 de setembro e 1 de outubro, dependendo da afluencia de público ao recinto feiral (de ser o caso, quedará almacenada sinalización para efectuar os cortes oportunos da rúa Santiago con República Argentina o día 29 de setembro, neste caso haberá que destapar a sinalización correspondente de sentido único da rúa Santiago, de todos os xeitos manterase de forma continuada dende as 19:00 horas* do día 4 ata as 05:00 horas do día 6 de outubro, dende as 19:00 horas do día 6 ata as 05:00 horas do día 9, e dende as 19:00 horas do día 11 ata as 05:00 horas do día 13 de outubro.

* Os horarios deste procedemento son orientativos, e poderán ser modificados a criterio do xefe de quenda, tendo en conta a afluencia de persoas ao recinto feiral. Así mesmo, este procedemento poderá aplicarse total ou  parcialmente naquelas datas en que se celebren concertos na praza Horta do Seminario.

As vías afectadas pola instalación de atraccións de feira e casetas de venda dos diferentes produtos, cando se poña en marcha algún dos dous procedementos, soamente poderán ser usadas por vehículos debidamente autorizados.

Ordenación das distintas rúas afectadas e que sofren variación pola montaxe e funcionamento do recinto feiral.

Avenida Rodríguez Mourelo:

A calzada situada na marxe da Audiencia Provincial permanece invariable en canto ao sentido de circulación. Prohibirase o estacionamento en ambas as dúas marxes.

A calzada da marxe dos institutos cortarase totalmente ao tráfico rodado para a instalación dos carruseis.

Praza de Avilés:

Cortarase parcialmente ao tráfico e permitirase o paso dos vehículos cara ás rúas Puro Cora (só residentes), García Portela e Armando Durán.

Rúa García Portela:

A calzada adxacente ao Parque Rosalía de Castro cortarase ao tráfico para a instalación das atraccións de feira. A do lado dos edificios habilitarase en dobre sentido de circulación para o acceso de residentes e servizos. Fronte ao número 15 habilitarase unha zona de carga e descarga en horario das 09:00 ás 13:00 horas, e das 16:00 ás 19:00 horas.

Avenida de Ramón Ferreiro:

Durante a aplicación do Procedemento B, a calzada que discorre fronte aos centros educativos habilitarase en dobre sentido para facilitar a entrada e saída das e dos residentes.

A oposta sufrirá dous cortes, un á altura da rúa Celso Emilio Ferreiro e o segundo na confluencia da rúa Salvador de Madariaga.

Rúa Alcalde Anxo López Pérez:

Sinalizarase para impedir o estacionamento na marxe dereita para a reserva de espazo para os diferentes servizos.

Rúa Santiago:

Esta vía pasará a ser en todo momento de sentido único de baixada, no tramo comprendido entre a ronda da Muralla e a avenida da República Argentina, dende as 19:00 horas do día 4 ata as 07:30 h do día 16 de outubro en que operarios da Brigada de Sinalización procederán a restablecer o dobre sentido. Así daráselle maior fluidez ao tráfico da ronda da Muralla.

Rúa Cidade de Vigo:

Establécese en dobre sentido de circulación durante as festas para facilitar o acceso de vehículos con destino ao aparcadoiro da praza da Constitución, residentes con praza de garaxe, vehículos auto-taxi e carga-descarga da Estación de Autobuses. Para iso prohibirase o estacionamento do lado dos inmobles e seguirase permitindo en batería fronte ao muro da Estación de Autobuses.

Praza da Constitución:

Sufrirá cambios no seu ordenamento para facilitar a entrada e saída de vehículos despois dos cambios realizados na rúa Cidade de Vigo.

Rúa Frei Plácido Rei Lemos:

Disporá dun corte de tráfico á altura do acceso ao antigo Hospital Provincial de San José. Prohibirase o estacionamento na marxe dereita en dirección ao paseo Vila de Foz. Reservarase un espazo para o estacionamento de vehículos oficiais e crearase unha zona de carga e descarga sen limitación horaria e a continuación estacionamento de turismos en liña ata a rúa Santiago.

Rúa Armando Durán:

Sinalizarase para que o acceso dos residentes se realice pola rúa Pintor Corredoira. O primeiro treito dende a praza de Avilés ata a rúa Xácobe III de Inglaterra estará reservado para o Xulgado, e a continuación prohibirase o estacionamento no resto da vía para facilitar a circulación en ambos os dous sentidos.

No inicio da rúa Pascual Veiga, na marxe dos edificios, habilitaranse de forma provisional seis prazas para realizar operacións de carga e descarga e unha praza para os medios de comunicación. No lado do Parque Rosalía, seis para a Audiencia Provincial, seis prazas para persoas con diversidade funcional, e o resto das prazas ata a curva reservaranse para as actividades programadas polo Concello.

Rúa Puro Cora:

Nesta rúa montaranse as casetas da feira GASTROARTE, polo que estará cortada ao tráfico, permitíndose só o paso de residentes a garaxes.

Vías afectadas e medidas para adoptar durante a aplicación do procedemento B:

Ronda da Muralla:

Terá un corte de tráfico á altura da rúa Santiago. Desviarase todo o tráfico da ronda e da rúa Cidade de Viveiro pola rúa Santiago.

A través deste corte permitirase o acceso de vehículos autorizados e de residentes con praza de garaxe a este tramo e aos da rúa Vilalba, carril dos Loureiros e das vías das inmediacións do Parque de Rosalía de Castro. O acceso á rúa Bispo Aguirre e á praza Maior facilitarase ata que a afluencia de persoas así o permita.          

Rúa Vilalba:

Efectuarase un corte de tráfico unha vez superada a intersección do carril dos Loureiros, e as persoas residentes desta vía accederán dende o punto de corte da ronda e sairán polo carril dos Loureiros en sentido contrario ao habitual cara á rúa Isaac Díaz Pardo.

Carril dos Loureiros:

Durante a aplicación deste procedemento, cambiaráselle o sentido de circulación para facilitar a saída dos residentes do tramo da ronda da Muralla, rúa Vilalba e do propio carril dos Loureiros en dirección á rúa Isaac Díaz Pardo e á rúa Cidade de Viveiro.

Rúa Salvador de Madariaga:

Realizarase un corte de tráfico á altura da praza de Bretaña. Permitirase soamente o acceso das persoas residentes e dos vehículos que se dirixen ao aparcadoiro do Seminario.              

Avenida de Ramón Ferreiro:

A calzada que discorre fronte aos centros educativos habilitarase en dobre sentido para facilitar a entrada e saída das e dos residentes.

A oposta sufrirá dous cortes, un á altura da rúa Celso Emilio Ferreiro e o segundo na confluencia da rúa Salvador de Madariaga.

Avenida de Ramón Ferreiro confluencia con rúa Pintor Corredoira:

Prevese que haxa que cortar o tráfico que saia de rúa Pintor Corredoira en dirección á rúa Celso Emilio Ferreiro en momentos puntuais ou días concretos, desviándoo cara á praza do Rei para dar fluidez á circulación nese punto, algo que terá que ser valorado polo xefe de quenda polo que quedará almacenada nas inmediacións a correspondente sinalización.

Autorizacións:

As e os residentes e usuarios con praza de garaxe afectados polos cortes de tráfico, as e os condutores dos vehículos que utilizan as áreas de estacionamento interiores dos distintos centros escolares que se atopan no interior do recinto feiral e a súa área de influencia, quen realice operacións de carga e descarga, incluídas/os feirantes, deberán proverse das correspondentes autorizacións de acceso na Oficina de Atención ao Cidadán (OAC) da Policía Local, sita na rúa das Artes, número 33, ou a través do correo electrónico policialocal@concellodelugo.org (neste caso será preciso acudir a recoller as autorizacións nas dependencias da Policía Local).

Zonas de carga e descarga sinalizadas do recinto feiral:

Rúa García Portela, rúa Frei Plácido Rei Lemos e rúa Pascual Veiga.

Zonas de estacionamento disuasorias:

Crearanse catro zonas de aparcadoiro situadas nas inmediacións das principais vías de acceso á cidade (dúas na rúa Campos Novos, unha en "As Termas" e outra no polígono das inmediacións das dependencias da Policía Local, que estarán debidamente sinalizadas mediante carteis, para que as e os visitantes e a cidadanía en xeral dispoñan de prazas de estacionamento, evitando así, na medida do posible, o acceso do vehículo privado ao centro e ao recinto feiral.

Habilitarase unha zona para o estacionamento de autobuses na rúa Madanela.

Prolongacións de liñas e servizos especiais dos autobuses urbanos:

Prolongación horarios liñas:

Os días 4, 7 e 11 de outubro (vespera de festivo), as liñas 3A (Acea de Olga-Ramil), 4 (Tolda-Abella), 6 (Montirón-Residencia- A Cheda) e 7A (Gándaras- Cemiterio), prolongarán os seus percorridos habituais ata as 03:00 horas.

Os días 5, 8 e 12 (domingo e festivos), as liñas especiais 3AE (Acea de Olga-Ramil), 4E (Tolda-Abella), 5E (As Gándaras-A Campiña-Cemiterio) e 6E (Montirón-Residencia-A Cheda), prolongarán os seus percorridos habituais ata as 02:00 horas.

Servizos especiais con ocasión das festas que conectarán as zonas dos estacionamentos disuasorios co recinto feiral: haberá liñas espaciais que comunicarán as zonas dos estacionamentos disuasorios co recinto feiral do seguinte xeito:

Días 4, 7 e 11 (vespera de festivo, dende as 22:00 ata as 03:00 horas)

Días 5, 8 e 12 (domingo e festivos, dende as 12:00 as 02:00 horas)

RUTA 1

Saída da rúa Celso Emilio Ferreiro (esquina Gran Hotel) cada media hora, as horas e cuarto e menos cuarto, por Xacinto Calvo, San Roque, Montero Ríos, Fontiñas, Fonte da Bica (inmediacións Policía Local), estrada da Granxa, Campos Novos, Afonso X O Sabio, Agro da Torna, avda de Magoi, Pintor Corredoira e novamente Celso Emilio Ferreiro.

RUTA 2

Saída de Celso Emilio Ferreiro (esquina Gran Hotel) cada media hora, ás horas e 25 e 55 minutos, por rúa Celso Emilio Ferreiro (esquina Gran Hotel), Xacinto Calvo, San Roque, ronda da Muralla, avda. da Coruña, Parque da Milagrosa, Alto de Garabolos, avda. Paulo Fabio Máximo e avda. Infanta Elena (As Termas), para continuar por Paulo Fabio Máximo, Alto de Garabolos, avda. da Coruña, Parque da Milagrosa, ronda da Muralla, Porta de Santiago, República Argentina, Pintor Corredoira e remate en Celso Emilio Ferreiro.

Taxis:

Co motivo das festas patronais, o servizo de auto-taxi reforzará o servizo do número de taxis dispoñibles, concretamente nas paradas da praza de Santo Domingo e praza da Constitución. Para dar un mellor servizo ás persoas usuarias do taxi, permitirase o acceso destes vehículos á zona acoutada do recinto feiral e á súa área de influencia, sempre que as condicións do tránsito peonil así o permítan.

Sala de Control de Tráfico:

Durante as festas, os ciclos semafóricos sufrirán un axuste na súa frecuencia para adaptalos ás necesidades do tráfico, tanto de día como de noite.

Espazo habilitado para os medios de comunicación:

Os medios acreditados disporán dunha reserva de espazo na rúa Pascual Veiga para facilitar o seu labor informativo.

Patio do edificio administrativo do Concello:

Dende o 30 de setembro e ata o día 16 de outubro, ambos os dous inclusive, prohibirase o estacionamento de vehículos no recinto debido á montaxe, desmontaxe e celebración das distintas actividades de San Froilanciño.

Control de accesos á rúa Vilalba e Porta de Santiago: A Brigada de Sinalización fará abasto de senllos valos con sinal R-101 (entrada prohibida), para os cortes eventuais que puidesen producirse con ocasión dos distintos eventos.

Outras actividades que poden afectar ao tráfico:

O martes 10 de outubro.

A Concellería de Cultura incluíu dentro do programa das Festas de San Froilán 2017 a celebración do concerto “La Descarga” na praza da Milagrosa as 20:30 h, polo que é preciso proceder ao corte do tráfico rodado, para iso a Brigada de Sinalización procederá ao almacenamento de valos e sinais.

Noticias relacionadas