Continúan esta semana diversas actividades de Nadal cultural en Lugo

Sábado haberá unha actuación dunha orquestra no Auditorio Municipal Gustavo Freire e o venres e domingo será a quenda da música no Centro Cultural do Vello Cárcere

Por mor do temporal, os paseos artísticos O Camiño retratado, previstos para este martes e mércores, 26 e 27 de decembro, suspéndense e A busca do tesouro trasládase para o venres, 29 de decembro

Martes, 26 de decembro de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Concellería de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, que dirixe Carmen Basadre, organizou para esta semana unha programación con diversas actividades de Nadal cultural na cidade, que conta con cinema, a presentación dun libro, actuacións musicais, ou exposicións, entre outras alternativas.

Este martes, o auditorio do Centro Cultural do Vello Cárcere acollerá dúas sesións de cinema, unha ás 18:00 e outra ás 18:45 horas, de Kino Concertos. Trátase de proxeccións de cinema mudo con música en directo.

Nestas mesmas instalacións, o mércores, ás 19:30 horas, terá lugar a presentación do libro A didáctica da lingua e da literatura galegas. O xogo transpositor fronte ao cinema galego. Dimensión e desenvolvemento educativo. O acto será presentado por Marica Campo e contará co autor desta obra, Xulio Pardo de Neyra.

O patio do Centro Cultural do Vello Cárcere contará o venres, 29 de decembro, ás 20:30 horas coa gran actuación verbeneira da Orquestra Os Modernos.

O sábado, 30 de decembro, haberá un concerto de Petit Pop no Auditorio Municipal Gustavo Freire. As entradas para este evento están á venda en www.entradaslugo.es e dende unha hora e media antes da función no propio auditorio.

Xa o propio día de Fin de Ano, o Concello ten preparadas dúas actuacións musicais no Centro Cultural do Vello Cárcere. Ás 12:30 horas terá lugar o concerto Singular a cargo de Píscore Teatro, e a partir das 16:30 horas haberá a Discoteca de Fin de Ano a cargo de Peti´s Rock.

Nadal no Mercado e na Praza

Esta semana tamén continúa a ludoteca para nenos e nenas de 2 a 10 anos, no Mercado Municipal, que se desenvolverá de luns a venres, excepto festivos, ata o 5 de xaneiro, en horario de 10:00 a 13:30 horas. Para o xoves 28 de decembro, a Concellería de Concello e Cidadanía ten preparada unha masterclass a cargo dunha das finalistas de Masterchef Junior 4, Paloma Martínez, a partir das 18:00 horas, nestas mesmas instalacións municipais.

Exposicións

Ademais, o Centro Cultural do Vello Cárcere conta con distintas exposicións, como a de fotografía Coñecendo o síndrome de Wolf-Hirschhorn, a de Galegos en Mauthausen, que acollen as distintas celas do patio e a de fotografía Cruzar el horizonte, de Pilar Llamas, no segundo andar do centro. Mantéñense tamén o xoves, venres, sábado e domingo as visitas guiadas a este edificio, a partir das 18:00 horas os dous primeiros días, e das 11:30 horas a fin de semana.

O MIHL tamén continúa coas súas exposicións, Os Mundos de Carlos Casares, Imaxes Fractais e a da Cohors III Lucensium, polo seu décimo aniversario.

Outras alternativas

A maiores, a Feira ArteNadal, que organiza a Asociación de artesáns Artellando e coa que colabora o Concello, conta con diversos postos de venda de artesanía na carpa situada na Praza Anxo Fernández Gómez. O seu horario de apertura é de 11:00 a 14:30 e de 17:00 a 21:00 todos os días.

XuvenLugo, co que colabora o Concello, completa a programación lúdica na cidade para os vindeiros días no Pazo de Feiras e Congresos.

Cambios polo temporal

Ante a alerta laranxa por vento, os paseos artísticos O Camiño retratado, previstos para este martes e mércores, 26 e 27 de decembro, suspéndense e A busca do tesouro polo Camiño Primitivo trasládase do mércores para o venres, 29 de decembro, a partir das 16:00 horas na Praza Maior.

Noticias relacionadas