Continúa aberto o prazo para participar nos campamentos urbanos de Verán en Lugo!

Xoves, 02 de xullo de 2009
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concello de Lugo continúa a ofrecer alternativas de ocio para os meses de verán e mantén aberto o prazo para inscribirse nos campamentos urbanos do programa Verán en Lugo!

Esta actividade, dirixida a rapaces de entre 4 e 12 anos, pretende facilitar ás familias que traballan un espazo no que os seus fillos e fillas poidan desfrutar para conciliar a vida laboral e familiar.

Cada campamento conta con 60 prazas, das que 10 que se destinarán a nenos e nenas derivados dos propios Servizos Sociais do Concello. En total son 5 campamentos que se desenvolverán do 6 de xullo ao 11 de setembro.

Os campamentos terán lugar de 8:00 ás 20:00 horas nas instalacións do Parque de Frigsa. Neste emprazamento celebraranse os dous programas dos campamentos:

- Coñece a natureza, para achegar aos rapaces e rapazas ao contorno que os rodea a través dos xogos, contacontos, obradoiros e saídas.

- Entende a natureza, que pretende que os cativos e cativas cheguen a coñecer o medio que os rodea, a repercusións que teñen nel as súas actuacións, a través de simulacións e accións directas, incluíndo un aspecto científico á actividade.

O custo dos campamentos é de 195 euros, e no caso das familias con máis dun fillo contarán cun desconto do 10% no segundo, que será do 15% a partir do terceiro será do 15%. O prazo de presentación de solicitudes será ata cubrir o número de prazas. Para obter máis información pódese chamar ao número de información cidadá 010.

Noticias relacionadas