Concello e Deputación dotarán ao Paseo do Rio Rato dun carril para bicicletas de 2,5 quilómetros

Lara Méndez e Álvaro Santos presentaron este proxecto, dotado de máis de 675.000 euros, que se aprobará previsiblemente a vindeira semana, co fin de iniciar a contratación de xeito inmediato as obras

O paseo desenvolverase nun treito de 2,5 quilómetros, entre o inicio do mesmo, na zona da Tolda da Castela, e o cruce da LU-530 coa LU-P-2925. Construirase unha zona de ocio, con bancos, paneis informativos e unha outra de aparcadoiro para bicicletas

O carril terá 2,5 metros de ancho e vai apoiado por un lado na ladeira e por outro nun pequeno muro. Debido ao desnivel levantaranse 4 plataformas elevadas. Todo o carril disporá de pasamáns de seguridade

Concello e Deputación realizaron outras medidas de posta en valor da zona como a dotación dun sistema de iluminación, que contou cun investimento de 750.000 euros; ou melloras na seguridade desta vía, moi empregada pola veciñanza

Domingo, 17 de febreiro de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Concello e Deputación dotarán ao Paseo do Rio Rato dun carril para bicicletas de 2,5 quilómetros

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e o Deputado de Relacións Instituiconais, Álvaro Santos, informaron este domingo que Concello e Deputación dotarán ao Paseo do Río Rato dun carril específico para bicicletas. Trátase dun proxecto que conta cun investimento de 675.800 euros da Deputación e que se desenvolverá ao carón do río rato, nun treito de 2,5 quilómetros, entre o inicio do paseo, na zona da Tolda da Castela, e o cruce da LU-530 coa LU-P-2925. Previsiblemente, poderase iniciar a contratación destas actuacións a vindeira semana e logo de aprobarse o proxecto. As obras poderán iniciarase en abril.

O carril para bicicletas situase entre o paseo peonil e a estrada do Rato. No comezo, na zona da Tolda, dotarase unha zona de ocio, con bancos, paneis informativos... Para a construción do propio carril, instalarase unha tarima de 2,5 m de ancho. Todo o carril disporá dun pasamáns de seguridade de madeira duns 90 centímetros. Debido ao desnivel que existe en distintos puntos do paseo, será necesario construír 4 plataformas elevadas que estarán sostidas ao chan por vigas de madeira. Tanto no propio paseo como nas plataformas, empregaranse materiais antiesbarrantes e respectuosos co medio ambiente e coa fauna da zona. Dotarase a zona tamén de aparcadoiro para bicicletas e sinalización.

A Alcaldesa puxo en valor que “o Concello, en colaboración coa Deputación, segue a impulsar o modelo de cidade mais humana, con máis mobilidade, accesibilidade, integración e con maior grao recuperación de espazos públicos, integrando, neste caso o Río Rato e que complementan a estratexia DUSI. Cando as administracións públicas colaboramos e sacamos para adiante proxectos en común, como o que hoxe estamos a presentar, son os cidadáns e os veciños os que resultan beneficiados”.

Pola súa banda, Álvaro Santos destacou que “cumprimos unha vez máis cos veciños e presentamos este proxecto do carril para bicicletas que axudará a dinamizar o que é o pulmón verde da cidade de Lugo. A posta en valor deste espazo, no que ademais de dotalo do novo sistema de iluminación, tamén temos o Centro de Interpretación no que ofrecemos centos de actividades gratuítas, pasa por continuar desenvolvendo proxectos que respondan ás necesidades da cidadanía, e a construción deste carril era unha delas. Logo da dotación do sistema de alumeado, cada vez son máis os veciños non só de Lugo, senón da provincia, que se achegan a este espazo natural que esperemos que cando cando conte co carril para bicicletas visiten aínda máis”.

Características da obra

Os Gobernos Municipal e Provincial, e en resposta ás peticións dos veciños, construirán no paseo do Rato un carril para bicicletas, por ser un dos escenarios naturais máis característicos e concorridos da cidade de Lugo. Todas as actuacións e materiais non afectarán á vexetación de ribeira do paseo do Rato.

As obras deste proxecto comprenden o acondicionamento do terreo, co o desbroce e limpeza do terreo para a posterior apertura da caixa para a execución do carril mediante o desmonte. De seguido, faranse traballos de drenaxe transversal, coa instalación de tubaxes, que é garantía de durabilidade. Para dar continuidade ao carril bici, debido á orografía do terreo, será necesario a execución de catro pasarelas pilotadas que se construirán en madeira aserrada. As alturas máximas previstas da plataforma de paso sobre o chan son de 2m. Tamén se executarán muros de perpiaño coa súa correspondente pasamáns de seguridade. Para a pavimentación empregarase zahorra artificial, para posteriormente colocar en ambos marxes, bordillos rectos de formigón que terán a función de encofrado perdido cando se verta a solera.

Finalizada la solera de formigón, o carril dotarase dun revestimento de protección de pavimento sobre el formigón de 2 a3 mm de espesor total aproximado, acabado rugoso, con resistencia ao deslizamento. Este revestimento tamén se executará nas pasarelas de madeira. Finalizada a pavimentación, realizarase o pintado do eixe do carril bici mediante una marca vial reflexiva branca. Ademais este espazo dotarase dos paneis informativos, soportes aparca bicicletas, bancos de madeira, papeleiras e a correspondinte sinalización vertical. Realizaranse tamén traballos de xardinería e tratamento da paisaxe, coa plantación de diversas especies autóctononas da zona.

Iluminación do Río Rato

Concello e Deputación dotaron ao Paseo Fluvial do Río Rato e a estrada LU-P-2925 dun sistema de iluminación, que contou cun investimento de 750.000 euros. Actuouse nun treito de 7 quilómetros, entre a Avenida de Madrid e o parque do Sagrado Corazón, no que se situaron 283 puntos de luz ecolóxicos (LED). Son 103 luminarias na estrada e 147 no paseo fluvial, dos que 3 son proxectores para o túnel que hai debaixo da rotonda que comunica con dito parque. A intensidade dos puntos de luz oscila entre os 179 vatios e os 12,5, tendo en conta a súa ubicación para respectar o medio ambiente. Tamén para reducir o impacto ambiental, hai 252 farolas de color neutro. A distancia entre as mesmas é de 25 metros no paseo e de 30 na estrada. As do paseo teñen 1 punto de luz e nalgunha da estrada dobre luminaria.

Dotouse a zona duns 20.000 metros de cableado de aluminio e non de cobre. Hai un sistema informático, cuxas probas de funcionamento se farán primeiro dende a Axencia Provincial da Enerxía, pero logo terá que ser xestionado no Concello de Lugo, para regular a intensidade luminosa, aforrar custos ao poder adaptar a luz ás condicións climatolóxicas, e garantir a luminosidade. Nunha pantalla o municipio lugués poderá controlar o correcto funcionamento de cada un dos 283 puntos de luz. 

Máis melloras na zona

Este proxecto conlevou máis medidas de seguridade na estrada LU-P-2925, pois, xunto aos 103 puntos de luz que se instalaron no vial, tamén se situaron 1.466 metros de biondas de seguridade. O Goberno da Deputación aplicou neste vial slurry, un material adherente e antiesbarante, que se pon nas autovías, que impermeabiliza o firme, mellora a evacuación de augas e dota á estrada dunha maior adherencia. Está composto por alcatrán, emulsión asfáltica, auga, aditivos, cemento e áridos.

Noticias relacionadas