A concellería de Xuventude amosa a creación de músicos e artistas audiovisuais que uniu para que interactuasen entre eles

A II edición do Ciclo Colusión, que se celebrará o 30 de decembro na Casa da Música,  incluirá espectáculos a cargo de Beatrix Weapons, O Rabelo,  Pablo Agama e María Vérez.

O edil Mauricio Repetto destacou o éxito da edición anterior, onde os participantes continuaron a traballar xuntos desenvolvendo proxectos na disciplina que descoñecían.

Luns, 26 de decembro de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A concellería de Xuventude amosa a creación de músicos e artistas audiovisuais que uniu para que interactuasen entre eles

A Casa da Música acollerá o vindeiro 30 de decembro a II edición do Ciclo Colusión, organizado polo Concello de Lugo e a galería Solaina para crear lazos e sinerxías entre artistas de distintas disciplinas. Neste caso, tras mes e medio de intenso traballo conxunto, ofrecerá dous espectáculos únicos a cargo dos músicos Beatrix Weapons (Murcia-Lugo) e O Rabelo (As Neves) e os artistas audiovisuais Pablo Agama (Vigo) e María Vérez (As Pontes).

A actuación, que comezará ás 20.00 horas e que é gratuíta, amosa o resultado final desta iniciativa, que naceu como un proxecto onde artistas que non se coñecían previamente mesturaron ideas e crearon xuntos co fin de proxectar algo novidoso.

O edil responsable de Xuventude, Mauricio Repetto, destacou o éxito deste segundo ciclo tras o éxito acadado no ano anterior, “co que ofrecemos unha alternativa de ocio para mocidade  a través da arte, e por suposto unha experiencia única para o público e para os artistas”.

Os participantes da edición pasada continuaron a traballar xuntos e comezaron a desenvolver proxectos integrados nas disciplinas que descoñecían, “polo que o Ciclo Colusión lles achegou novas formas de traballo e de posibilidades que impulsaron a súa carreira, que é un dos nosos  obxectivos”.

Solaina é un novo espazo con sede en Lugo dende o que promover a arte e a cultura da cidade e de Galicia en xeral, no que os artistas poden interactuar, dialogar e exhibir as súas pezas. Este proxecto está actualmente dirixido e por Sergio Marey, un novo artista lucense.

Neste senso, o concelleiro Mauricio Repetto lembrou que o Concello, a través da estratexia DUSI, está a rehabilitar un inmoble no Carme que será o primeiro coliving artístico municipal en España. Nace para impulsar e pór en valor o patrimonio de Lugo, especialmente o Camiño Primitivo, onde se ubica a edificación e o espazo artístico ao aire libre que o complementa, potenciando o talento artístico local e as industrias culturais.

Noticias relacionadas