Comezan as rutas urbanas estivais do programa de Benestar “Lugo Móvese cos Maiores”

A alcaldesa, Lara Méndez, saudou esta mañá aos participantes ao inicio deste primeiro roteiro pola cidade, que tiña como destino a Muralla e as ventás arqueolóxicas.

No percorrido, as persoas asistentes estiveron acompañadas pola edil Olga López Racamonde, que aproveitou a cita para interesarse polas súas demandas e necesidades para incorporalas á iniciativa.

Venres, 16 de xullo de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Comezan as rutas urbanas estivais do programa de Benestar “Lugo Móvese cos Maiores”

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, saudou esta mañá ás persoas participantes na primeira andaina pola cidade que ten lugar este verán ao abeiro da iniciativa “Lugo Móvese cos Maiores”.

Neste caso, a ruta consistiu nunha camiñada pola Muralla e a visita das ventás arqueolóxicas.

No percorrido, as persoas asistentes estiveron acompañadas pola edil de Benestar, Olga López Racamonde, que aproveitou a cita para interesarse polas súas demandas e necesidades co obxecto telas en conta e incorporalas ao programa municipal.

Estes roteiros, xunto ás clases de ximnasia grupais ao aire libre, son as propostas coas que o executivo local pretende promover entre os maiores de 65 anos un entretemento saudable para gozar do seu tempo de lecer.

Antes de partir, a rexedora convidounos a seguir participando nas actividades organizadas polo Concello co fin de combater o sedentarismo e a soidade e sobre levar física e animicamente a situación de pandemia.

A de hoxe, era a primeira das catro camiñadas programadas pola contorna urbana. Terán lugar sempre os venres, cada quince días, até o 27 de agosto. Nas vindeiras sesións, as persoas que acudan terán oportunidade de coñecer o Lugo Episcopal e Conventual – na contorna da Catedral – o Lugo Palaciego das casas e pazos señoriais, e o Lugo Histórico, no Museo Provincial. Para participar non é necesario inscribirse previamente, basta con acudir ás 10:00 horas ao punto de saída, diante dos soportais da Praza Maior.

Complétanse con outras rutas polo rural, que xa comezaron o pasado 9 de xullo cun percorrido polal Vía Künig, e que terán continuidade polo Camiño Primitivo en San Romao da Retorta – o día 23 de xullo, e en Castroverde o 6 de agosto - e polo Vello Lugo Agrario o venres 20 de agosto.

Neste caso, as persoas interesadas en participar teñen que poñerse en contacto co Centro Maruja Mallo con anterioridade, ben ao mail animacion.sociocultural@lugo.gal  ben a través do teléfono, no número 982.29.75.05, co fin de reservar a praza de autobús.

Lugo Móvese cos Maiores inclúe tamén clases de ximnasia no exterior. Celébranse os luns e mércores, no parque e na Praza da Milagrosa e na das Illas (Montirón); e os martes e xoves na Praza Maior, na do Castiñeiro, na de Viana do Castelo (Piringalla) e na de Augas Férreas. Sempre de 19:00 a 20:00 horas e sen inscrición previa.

Multimedia

  • Comezan as rutas urbanas estivais do programa de Benestar “Lugo Móvese cos Maiores”

Noticias relacionadas