Comeza a funcionar o novo sistema de recollida de lixo na cidade

Sábado, 10 de novembro de 2007
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concelleiro de Medio Ambiente, Lino González-Dopeso, presentou hoxe, acompañado polo xerente de Urbaser, Juan Pablo Guerrero, as novidades que trae aparellada a ampliación do servizo de recollida de lixo na cidade, "no que se leva traballando tres anos", dixo.

A modificación fundamental será a sustitución do sistema de recollida traseira polo de carga lateral. Este novo sistema supón a utilización de contedores máis grandes e equipos altamente robotizados con grandes melloras tecnolóxicas. De feito, este sistema se está a utilizar xa en cidades como Santiago, Vigo ou Barcelona.

Estes novos contedores, que serán nun principio máis de 1.400, terán un tamaño maior xa que poden soportar entre 2.400 e 3.200 litros de carga lateral. "O seu impacto visual será maior, pero compensará porque haberá menos ocupación da vía pública, estarán fixados ao chan e a súa limpeza será máis rápida, habitual e efectiva", dixo o Concelleiro.

Aumenta por tanto o volumen de carga diaria da limpeza en máis do 30%, pasando de 142 a 202 metros cúbicos por xornada. Ao igual que se vén realizando, a recollida será nocturna na cidade e diurna na zona rural.

O centro da cidade, dentro da muralla, cambiará de sistema de recollida, xa que se eliminarán os contedores do centro da cidade e se volverán colocar ás oito da tarde para proceder, a partir das dez, á súa recollida. Pequenos camións de carga traseira farán este traballo e irán vaciando nun camión que circulará pola ronda da Muralla. Das tres rutas actuais de recollida diurna de lixo, unha delas transfórmase ao sistema de carga lateral, mantendo polo momento as outras dúas como actualmente. A primeira en cambiar será a máis periférica.

Os contedores que se retiren con estes cambios serán destinados á zona rural para mellorar o seu servizo de recollida. Ademais, con estes cambios, un total de 12 operarios do servizo de recollida pasarán a engrosar as filas da limpeza viaria.

O gran impulso deste novo contrato será a recollida selectiva, até o de agora nas mans dunha empresa xestionada por Sogama.

CONTEDOR AMARELO

Para a recollida de envases se instalarán 450 contedores amarelos de carga lateral de 2.400 litros. O vaciado realizarase todos os días na zona urbana e tres días por semana na rural.

Outra novidade será a recollida porta a porta de papel-cartón, vidro e envases nos establecementos hostaleiros que así o demanden. Comezarán a implantar este sistema por zonas comezando no centro histórico e no Ceao e pasando a continuación por outras zonas como Acea de Olga ou Fontiñas.

O Concelleiro indicou que se está a valorar a opción de que os supermercados utilicen os seus propios contedores, con chave e acceso restrinxido. "Este sistema permitirá poder realizar un estudo sobre o tipo e o volume de lixo que xeneran", dixo.

LIMPEZA VIARIA

Ademais da recollida de lixo, realízase tamén a ampliación e renovación da limpeza viaria. Coa incorporación dos 12 operarios procedentes do servizo de recollida, e a nova maquinaria duplícanse os medios para traballar diariamente.

Actualmente, Lugo está dividido en cinco sectores de actuación, o menor deles é o do centro da cidade. En cada un destes sectores traballarán diariamente 6 operarios de barrido manual, unha baldeadora de 8.000 litros, unha barredora de calzadas, 1 baldeadora de alta presión e dous minibarredoras. Ademais, a zona centro terá servizo de limpeza pola mañá e pola tarde.

Mantense tamén o actual servizo de barrido con brigadas nas zonas semirurais, renovando a flota de camións de caixa aberta actuais.

A novidade no servizo de limpeza será a actuación nas zonas industriais da cidade, como Ceao, Louzaneta e Gándaras, as fins de semana, mediante baldeo mecánico, barrido mecánico e brigada.

Lino González explicou que as grandes melloras do sistema serán o baldeo diario de todas as rúas, o aumento do baldeo mecánico de alta presión, o mantemento e limpeza dos iglús de vidro e das papaleiras mediante unha máquina hidrolimpiadora de auga a presión e o aumento de lavado dos contedores, tanto dos de carga lateral como dos de carga traseira.

A ampliación do contrato con Urbaser supón un incremento no prezo do contrato de 866.444 euros ao ano e é necesario un investimento de 3.572.360 euros.

A operación simultánea de ampliación e renovación de maquinaria para a limpeza e recollida de lixo permitirá que se comece este ano con máquinas no seu primeiro ano de vida.

Sinalou o Concelleiro tamén que a implantación do novo sistema será paulatino, comezando xa neste mes de marzo e se irá ampliando a toda a cidade, "segundo se vexa o seu rendemento e se corrixan as deficiencias que podan presentarse". Engadiu tamén que o sistema actual significou a primeira mellora na limpeza da cidade "pero agora iremo máis alá, facendo unha limpeza igual en todos os distritos".

Noticias relacionadas