A Casa da Xuventude acolle este sábado a final da X edición dos Xogos Romanos de Taboleiro

Os centros finalistas representarán a Lugo na fase intermunicipal fronte a Xinzo de Limia, nun enfrontamento entre o Arde Lvcvs e a Festa do Esquecemento.

Venres, 30 de maio de 2025
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A Casa da Xuventude acolle este sábado a final da X edición dos Xogos Romanos de Taboleiro

O Concello de Lugo celebra este sábado, 31 de maio, ás 10:00 horas na Casa da Xuventude, a gran final da X edición dos Xogos Romanos de Taboleiro, unha proposta lúdico-educativa que forma parte das actividades previas ao Arde Lvcvs 2025 e que busca achegar o mundo romano á mocidade de forma didáctica e participativa.

Durante as últimas semanas, o alumnado de varios centros educativos da cidade participou en diferentes fases clasificatorias, e este sábado os equipos finalistas disputarán o título local. Os gañadores da final representarán a Lugo a finais de xuño na fase intermunicipal, onde competirán contra os finalistas de Xinzo de Limia, nun enfrontamento simbólico entre dúas festas de recreación histórica: o Arde Lvcvs e a Festa do Esquecemento.

Os centros educativos participantes nesta edición son:

  • CEIP Rosalía de Castro
  • CPR Plurilingüe Padres Franciscanos
  • CEIP Albeiros
  • CEIP Plurilingüe de Nadela
  • CEIP Illa Verde
  • CEIP Menéndez Pelayo
  • CEIP As Mercedes
  • Colexio Marista “A Inmaculada”
  • CPR Salesianos Divina Pastora
  • CEIP A Ponte

O concelleiro de Xuventude, Jorge Bustos, destacou a importancia desta iniciativa para fomentar o coñecemento da historia local entre a infancia e a xuventude: “Os Xogos Romanos de Taboleiro son unha ferramenta fantástica para aprender xogando. Esta décima edición consolídaos como unha actividade con gran acollida entre os centros e permite aos nenos e nenas de Lugo sentirse parte do Arde Lvcvs desde as aulas.”

Esta competición fomenta valores como a cooperación, o pensamento estratéxico e o respecto pola historia, converténdose nunha ponte entre o ámbito educativo e a festa de recreación máis emblemática da cidade.

Multimedia

  • A Casa da Xuventude acolle este sábado a final da X edición dos Xogos Romanos de Taboleiro

Noticias relacionadas