A Xunta de Goberno celebrada esta semana aprobaba a adxudicación da prórroga desta subvención á que se presentaron 154 solicitudes
O pagamento destas achegas prodúcese ao abeiro do Plan Estratéxico de Subvencións, recentemente aprobado polo goberno de Lara Méndez, no que se destina máis de un millón de euros a prestacións sociais

O executivo de Lara Méndez, dende a área de Benestar Social, destinará neste exercicio 240.461’52 euros ao pagamento das axudas para o alugueiro de vivendas. A Xunta de Goberno celebrada esta semana aprobaba a adxudicación da prórroga desta subvención á que se presentaron un total de 154 solicitudes.
Trátase, por tanto, da segunda anualidade da prestación para as persoas beneficiarias destas achegas que as comezaron a percibir en 2019.
Logo de que as mesmas instaran á súa continuidade, o persoal da Empresa Municipal de Vivenda e Solo de Lugo realizou un traballo de comprobación sobre o cumprimento dos requisitos que figuraban nas bases da convocatoria.
“Trala elaboración dos informes correspondentes e a valoración dos ingresos ponderados, finalmente foron descartadas 18 peticións por non axustarse aos requirimentos, procedéndose a outorgar un total de 136 axudas cunha contía que oscila entre os 45 e os 175 euros mensuais, en función das circunstancias particulares dos usuarios”, indicou a concelleira Olga López Racamonde.
A edil responsable de área subliña a transcendencia destas achegas “coas que un importante número de familias lucenses poden facer fronte a unha necesidade fundamental como é o dereito a unha vivenda digna e aos gastos derivados do seu mantemento”, ao tempo que lembrou a existencia doutras axudas municipais, compatibles entre elas, para o pagamento da subministración de enerxía, a adquisición de alimentos, etc.
Cómpre recordar que todas estas achegas teñen a súa cobertura financeira ao abeiro do Plan Estratéxico de Subvencións, recentemente aprobado polo goberno de Lara Méndez, no que se destina máis de un millón de euros a estas prestacións así como á colaboración que a administración local mantén coas entidades e asociacións de carácter social para sufragar parte da actividade que desenvolven no concello.
Audio
- A edil Olga López, sobre a prórroga de axudas do alugueiro | Descargar mp3