Benestar ofrecerá 41.691 menús anuais a través do servizo Xantar no Fogar, incrementando nun 144% a súa partida até os 210.000 euros

O Executivo de Lara Méndez adxudicará o contrato esta semana en Xunta de Goberno, con importantes melloras como unha maior variedade de dietas e de rotación de menús.

A pandemia ocasionou un aumento considerable da demanda desta prestación da que, actualmente, se benefician ao redor dun cento de persoas.

Amaioría das usuarias son mulleres, maiores de 65 anos, que non teñen apoio familiar ou padecen algún grao de dependencia.

Dende o Concello se lles ofrece unha atención integral que aborda o coidado da súa saúde, empezando pola dieta, pero tamén acompañamento telefónico para evitar o seu illamento social.

Luns, 07 de febreiro de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Benestar ofrecerá 41.691 menús anuais a través do servizo Xantar no Fogar, incrementando nun 144% a súa partida até os 210.000 euros

O Executivo de Lara Méndez, a través da área de Benestar Social, que dirixe Olga López Racamonde, ofrecerá en 2022 até un total de 41.691 menús dentro do servizo de Xantar no Fogar que elevará a súa consignación até os 210.423 euros anuais.

Este orzamento incrementa en máis dun 144% o da licitación anterior (86.000 €), logo do crecemento da demanda que trouxo consigo a crise sanitaria.

Actualmente, ao redor dun cento de persoas se benefician desta prestación municipal da que, agardamos, poder ampliar aínda máis a súa cobertura co obxectivo de atender os novos tipos de dependencia que ocasionou a pandemia, que fixo agromar carencias non só económicas senón tamén de coidados e alimentación”, sinalou a concelleira.

Así, este próximo mércores, a Xunta de Goberno adxudicará o contrato á empresa Alimentación Saludable Gallega S.L que presentou a oferta máis vantaxosa dentro da que se inclúen, “todas as melloras recollidas nos pregos e coas que pretendemos acrecentar a nosa capacidade e que esta se traduza, tamén, nunha maior calidade de vida para todas e todos os usuarios do programa”, indicou López Racamonde.

A edil referiu algúns dos aspectos concretos nos que redundará a nova licitación, de maneira que “aumenta a variedade de dietas con catro novas opcións: vexeteriana, vegana, sen carne de porco e sen carne de vaca; a rotación dos menús será cada 6 semanas no canto das 3 que se facía agora e se entregarán tres veces á semana, en lugar dos dous días de reparto que estaban establecidos até o momento. Cada beneficiario/a recibirá ademais un litro de leite e outro de zumo de frutas á semana e disporemos de 4 novas neveiras para poder cederlles a aquelas familias que non teñan outra maneira de garantir a conservación dos alimentos que se lles entregan”.

Olga López informou, así mesmo, de que a empresa encargada de prestar o servizo municipal preparará cada mañá os pratos de todas e todos os comensais, respectando as indicacións sanitarias que recolle o seu historial clínico.

Manténdose sempre un estrito control sobre a elaboración e a calidade dos ingredientes que deben combinarse dun xeito saudable respectando as pautas médicas que figuran no expediente de cada beneficiario”. explica a responsable de Benestar.

A responsable de Benestar explicou que, con relación ao perfil maioritario das e dos usuarios, “en torno ao 60%, son mulleres, maiores de 65 anos, que viven soas e ás que, logo do confinamento obrigado que impuxo o Estado de Alarma, a permanencia do COVID as mantén nun illamento aconsellable ante o risco de contaxio”.

As políticas desenvolvidas polo Goberno de Lara Méndez tiveron, neste tempo, a vocación de dispensar unha atención integral á veciñanza.

Dende a área de Benestar procuramos cubrir as necesidades asistenciais das e dos nosos maiores, mellorando o seu coidado e calidade de vida pero contribuíndo tamén a que se desenvolvan con autonomía e poidan permanecer nos seus fogares co fin de que manteñan o seu arraigamento e o contacto coa comunidade veciñal á que pertencen”, subliñou López Racamonde.

No Concello de Lugo hai 5.000 persoas maiores de 65 anos que residen soas nas súas vivendas e sobre as que, dende a área de Benestar, se realiza un seguimento continuado co fin de informalos dos recursos que teñen á súa disposición en función das necesidades que presenten e que inclúe tanto a súa manutención, cunha dieta equilibrada e acorde ao seu estado de saúde, como a axuda para a realización das tarefas domésticas, a dinamización sociocultural específica e mesmo o acompañamento telefónico para evitar a súa exclusión ou illamento social.

Audio

 

Noticias relacionadas