En 2021 o Albergue municipal acolleu a 1.201 persoas, 1.011 homes e 190 mulleres, cunha media de ocupación de 100 usuario/as ao mes.
O Executivo de Lara Méndez sufraga a liña de colaboración con Cruz Vermella e Alume para que estas entidades ofrezan asistencia ás e aos transeúntes nas súas instalacións.
O Concello dispón alén dunha vivenda para uso transitorio no que persoas en vías de reinserción social e económica reciben apoio para recuperar a súa autonomía.

A área de Benestar Social do Concello de Lugo vén de incrementar en torno a un 15% os fondos destinados á atención das persoas sen fogar que se atopan na cidade.
Así, o Executivo de Lara Méndez destinará 90.000 euros anuais ao programa municipal ‘Sen Teito’ posto en marcha pola Administración local e que se desenvolve en colaboración con Cruz Vermella e Alume, con varias liñas de actuación.
A edil Olga López Racamonde explicou que “se ben, un dos obxectivos fundamentais é detectar a persoas que poidan atoparse en situación de rúa, ofrecéndolle os recursos dispoñibles, estes pasan, entre outras prestacións, por unha atención diúrna nas propias instalacións destas entidades, onde poden facer uso – no Caso da Cruz Vermella - de duchas, vestiarios, aseos, cociña e lavandería, e inclúe igualmente a realización de diferentes actividades encamiñadas a adquirir habilidades que favorezan a súa integración”.
A este respecto, a concelleira lembrou que Benestar facilita tamén unha vivenda para o uso transitorio no que persoas en vías de reinserción social e económica reciben apoio e formación para dotarse dos recursos que lles permitan recuperar a súa autonomía.
“A nosa inquietude e dedicación para atallar a vulnerabilidade que sofren estas persoas é máxima e permanente durante todo o ano – non é cuestión de que faga máis ou menos frío - para o que empregamos todos os recursos necesarios de maneira que, agora mesmo, podemos dicir que non hai ningunha situación deste tipo que se atope descoidada a nivel institucional, senón que cada caso é diferente e precisa dunha intervención específica”, asegurou López Racamonde.
Neste senso e, “sendo conscientes da preocupación social que hai entorno ás persoas que viven na rúa, gustaríame primeiro agradecer a sensibilidade da veciñanza lucense pero tamén facer un chamamento cidadá trasladando que se trata dunha problemática moi complexa que cómpre abordar - para que sexa de xeito resolutivo - dende o ámbito profesional, como así o estamos a facer”.
A edil insistiu en que, “actualmente non hai ningún caso desatendido por deficiencias dos servizos sociais ou insuficiencia de recursos públicos, e quero subliñar que resulta de vital importancia permitir o labor que xa desempeñan as entidades sociais, coa aplicación de protocolos e procedementos estritamente técnicos e moi rigorosos, nos que non se debe interferir se o que verdadeiramente queremos é axudar a estas persoas”, sostivo Olga López.
De feito, a responsable de Benestar deu conta hoxe de que, durante 2021, o albergue municipal acolleu a un total de 1.201 persoas, 1.011 homes e 190 mulleres, cunha media de ocupación de 100 usuarios/as ao mes.
Dependencias nas que, logo da ampliación realizada, existe capacidade para acoller a máis de 30 persoas ao día e nas que se cumpren escrupulosamente as pautas COVID establecidas, garantindo así a seguridade de todos e todas, incluído a do persoal que atende as instalacións.
Para aquelas situacións nas que sexa preciso ou se considere conveniente, o programa ‘Sen Teito’ ofrece tamén aloxamento en hostais da cidade.
Audio
- A edil de Benestar Social, Olga López Racamonde, sobre o "Programa Sen Teito" | Descargar mp3