Arrancan as obras de humanización de Agro do Rolo, que o Concello acomete cun investimento de 223.000 euros

O proxecto, cun prazo de execución de catro meses, permite ao Goberno “avanzar no noso modelo de cidade: máis agradable, cómoda e accesible”, subliñou a Alcaldesa

As actuacións inclúen unha área de xogos cuberta, unha zona verde e a dotación de máis mobiliario urbano e árbores

Martes, 04 de xullo de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Arrancan as obras de humanización de Agro do Rolo, que o Concello acomete cun investimento de 223.000 euros

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, xunto ao Concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Persoal, Daniel Piñeiro, supervisou este martes o inicio das obras de humanización da praza Agro do Rolo, no barrio da Milagrosa, unhas actuacións que, cumprindo “cunha vella demanda veciñal”, acomete o Concello en solitario cun investimento de 223.000 euros de fondos propios e que permiten ao Goberno “seguir avanzando no modelo de cidade que queremos para Lugo, máis agradable, cómoda e accesible, con máis espazos públicos para uso público”, subliñou a rexedora. O prazo de execución do proxecto, adxudicado á empresa Xestión Ambiental de Contratas, é de catro meses, polo que no outono os veciños e veciñas da Milagrosa e de toda a cidade disporán dun remodelado e atractivo espazo de lecer.

As obras consisten na mellora da estética da praza, que mide 4.235 metros cadrados, coa creación dunha zona de xogos cuberta, duns 230 metros cadrados, unha zona verde, situada no lateral da praza, que consistirá na creación de tres camiños peonís que comuniquen Agro do Rolo coa rúa Anselmo Sampedro, con bancos; e a zona central, onde o Concello colocará bancos e mobiliario urbano e plantará árbores.

Como lembrou a Alcaldesa, o proxecto responde a “unha demanda veciñal que vén de antano”, para a que existía un proxecto de 2011, que o Ministerio de Fomento “decidiu paralizar”. “O que fixemos dende o Concello foi retomalo e actualizalo, o que nos permite seguir avanzando na humanización de espazos, actuando nun entorno privilexiado, nunha praza xa emblemática, que aínda o será moito máis unha vez rematadas estas actuacións”. Lara Méndez incidiu en que o proxecto contribúe a materializar un modelo de cidade “pensado na persoa, no peón, con espazos públicos para uso e disfrute dos veciños e veciñas durante todo o ano”.

Outras actuacións na Milagrosa

A rexedora lembrou que a humanización de Agro do Rolo súmase a outras actuacións impulsadas polo Concello na Milagrosa, como a reorganización do mobiliario urbano na rúa Menorca para evitar o aparcamento indebido, a mellora do parque de Albeiros, o acondicionamento de dúas pistas de petanca no parque de Frigsa ou seguir elaborando a documentación necesaria para a candidatura da Milagrosa á Área de Renovación e Rexeneración Urbana (ARRU), unhas labores que está a acometer a Empresa Municipal de Vivenda e Solo (EVISLUSA) a través dunha encomenda de xestión e cuxa materialización depende en todo caso de que o Ministerio de Fomento convoque as pertinentes axudas.

Así mesmo, a Alcaldesa subliñou que no Pleno da pasada semana quedou aprobada unha modificación de crédito que permitirá acometer a peonalización do entorno da praza da Milagrosa, enlazando este espazo coa rúa Divina Pastora. O orzamento aprobado é de 220.000 euros.

As obras en Agro do Rolo en detalle:

1. Cuberta para zona de xogos infantís

Á vista da meteoroloxía da cidade, proxéctase a cuberta da área de xogos infantís co fin de que o aproveitamento da mesma sexa máximo. Deste xeito, contémplase a execución dunha cuberta adecuada para a protección fronte á choiva, formada por unha tensoestructura que abarca a totalidade da zona de xogos infantís. A cuberta será de poliéster de alta tenacidade con recubrimento en PVC lacado en dúas caras, totalmente impermeable, e resistente tanto ao frío como á calor.

2. Zona lateral de acceso á praza dende a rúa Anselmo Sampedro

Co fin de crear zonas diferenciadas dentro da propia praza para o seu uso nas distintas épocas do ano, deséñase unha zona verde no lateral anexo á rúa Anselmo Sampedro, dotándoo de tres accesos peonís que comuniquen directamente esta rúa coa praza. Deste xeito, abriranse tres camiños de acceso peonil pavimentados en formigón impreso de textura e cor iguais ao formigón impreso existente na praza (textura imitación madeira e cor gris). Contémplase a achega de terras para modelado do terreo, contido por muretes de perpiaño de granito fincados. Esta actuación pretende a creación de formas irregulares e diferentes alturas mesmo nos bordos dos carreiros peonís, contemplándose a colocación de bancos sen respaldo nos bordos dos carreiros. Proxéctase así mesmo a creación dun bosquete de copas en marquesiña segundo unha matriz rectangular de moreiras (Morus Alba non fructificante), con separación de 5,5 metros. Finalmente, procederase ao encespado do resto da superficie.

3. Zona central pavimentada

Contémplase a implantación de alcorques e árbores na zona central da praza, creando así zonas puntuais de sombra na mesma. Dado que na actualidade a praza non conta con ningún tipo de arboredo, proxectouse a colocación de alcorques modulares prefabricados de formigón formando bancadas, que permiten a plantación elevada, neste caso, de Lagerstroemia Indica. Configúrase así un lugar onde sentar a descansar na zona central da praza, e a plantación de árbores no seu interior achegará frescura e sombra á contorna. Na periferia da praza colocaranse bancos de estrutura de chapa de aceiro electro cincada e pintada en forno, con asento e respaldo en chapa de aceiro de 3mm, e patas e apoiabrazos pintados en cor. Existen dúas entradas peonís á praza dende os viarios perimetrais, nas que se colocarán xardineiras circulares de diámetro 1350mm para evitar a entrada de vehículos á mesma. Complétase a actuación coa colocación de papeleiras.

4. Zona verde (trasformadores)

Na zona verde situada no lateral dos xogos infantís existen na actualidade dous transformadores soterrados. Proxéctase o axardinamento desta zona seguindo a estética do resto de zonas verdes da praza, de tal forma que se contempla un modelado do terreo suave encubridor, e a dotación de arboredo de sombra. Así mesmo, plantaranse arbustos e herbáceas tapizantes seguindo o modelado do terreo, e procederase ao encespado xeral do resto da superficie.

5. Zonas verdes perimetrais

No perímetro da praza existe unha franxa axardinada duns tres metros de ancho, na que se proxecta a plantación aliñada de palmas resistentes (Trachycarpus) con fustes elevados, e unha separación de 4,5 metros entre elas. Esta barreira verde pretende delimitar o ámbito da zona de estancia, illándoa e protexéndoa do viario urbano perimetral.

Noticias relacionadas