A alcaldesa participou no trinta aniversario da Fundación e na entrega de insignias de ouro a Luis Felipe de la Cruz, e de xeito póstumo, a José Luis Pereira.
Destacou a traxectoria da institución e do hospital para sitúar a Lugo na excelencia da docencia, pero tamén no eido da investigación e da colaboración social coa cidade”.
“Trátase dun traballo conxunto que nos permite que cans e gatos abandonados sexan atendidos de xeito gratuito, o que sen dúbida é un privilexio para toda a cidadanía luncese”, sinalou Alvarellos Fondo.

A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, asistiu hoxe aos actos de conmemoración do trixésimo aniversario da Fundación Rof Codina, previa participación no padroado, e á entrega de insignias de ouro a Felipe de la Cruz Palomino e, a título póstumo, a José Luis Pereira Espinel. Sobre estas distincións, o máximo recoñecemento que fai a fundación, aos que foron durante moitos anos o director xerente e o director veterinario, respectivamente, Paula Alvarellos explicou que “é a mellor formar de celebrar este trinta aniversario, recoñecendo a dous profesionais, sen os que esta historia de tres décadas non sería, nin moito menos, a mesma”.
Durante a súa intervención, a rexedora puxo en valor o importante esforzo económico que o Goberno local está a facer en prol do benestar animal, traballo no que se enmarca a colaboración municipal con este hospital veterinario. “A continua mellora nesta materia é unha prioridade para o noso Goberno. A colaboración entre o Concello e Rof Codina e unha das nosas mellores ferramentas para avanzar no benestar animal. Trátase dun traballo conxunto no que colaboramos cunha importante achega que nos permite que cans e gatos abandonados reciban atención veterinaria de xeito gratuito, o que sen dúbida é un privilexio para a protectora e para toda a cidadanía luncese”, sinalou Alvarellos Fondo.
Así mesmo, a rexedora municipal puxo en valor “a traxectoria desta fundación, unha referencia a nivel nacional, xunto ao Hospital Veterinario Rof Codina, en docencia, formación e investigación, pero tamén é moi importante o labor social que realiza para coa cidade de Lugo”.
Neste sentido, Alvarellos comentou que “como alcaldesa que representa as veciñas e veciños de Lugo sinto moito orgullo de ter na cidade un centro de referencia para os profesionais da veterinaria, como é o Hospital Rof Codina, pero tamén é unha satisfacción para unha institución como o Concello de Lugo formar parte do padroado da súa Fundación, sabendo que así contribuímos a tantas cousas, que a súa vez, melloran a nosa cidade”.
Ao marxe dese importante labor social, o Hospital Rof Codina e a súa Fundación “forman parte da boa imaxe de Lugo”, sinalou. Ademais, asegurou que a súa excelencia para a formación de futuros profesionais de veterinaria, a súa calidade na atención dos animais, e tamén a súa faceta investigadora, “contribúen a que Lugo estea no máis alto e na elite da docencia clínica e da investigación”.
Por último, a alcaldesa insistiu en que o Goberno local seguirá ofrecendo apoio social e económico, contribuíndo ao traballo que fan coa protectora e coas axudas á Fundación, pero asegurou que “aínda quedan cousas por facer. Temos a mellor base para que este hospital e a fundación sigan crecendo, contribuíndo así dun xeito moi especial á mellora do rural, como un dos sectores motores de Lugo”, polo que pediu a implicación das institucións e, ao Goberno galego, que redobre esforzos para acadar esta meta.



