O Concello de Lugo abre unha nova convocatoria de axudas para a rehabilitación enerxética no centro histórico con máis de 420.000 euros dispoñibles

A nova fase permitirá subvencionar actuacións sobre ata 43 inmobles, despois de resolverse unha primeira quenda de axudas que beneficiou a 14 propiedades e 6 locais comerciais.

O Goberno local reafirma o seu compromiso coa eficiencia enerxética, a recuperación do centro histórico e o acceso da veciñanza a fondos europeos para mellorar os seus inmobles.

“Estamos a facer da rehabilitación unha ferramenta real ao servizo da xente, con axudas que xa están chegando aos fogares e con novas oportunidades como esta segunda convocatoria”, subliñou o alcalde, Miguel Fernández.

Xoves, 03 de xullo de 2025
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello de Lugo abre unha nova convocatoria de axudas para a rehabilitación enerxética no centro histórico con máis de 420.000 euros dispoñibles

O Concello de Lugo abrirá nos próximos días unha nova convocatoria de axudas para a rehabilitación enerxética de vivendas e locais no centro histórico, unha vez resolta a primeira fase do programa de subvencións vinculadas ao Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea a través dos fondos NextGenerationEU. Esta nova convocatoria pon á disposición da cidadanía un importe de 424.186,25 euros e permitirá actuar sobre ata 43 inmobles da contorna PEPRI.

Miguel Fernández destacou que “estamos a facer da rehabilitación unha ferramenta real ao servizo da xente, con axudas que xa están chegando aos fogares e con novas oportunidades como esta segunda convocatoria, coa que damos continuidade ao noso modelo de cidade sostible, eficiente e pensada para mellorar a calidade de vida no centro histórico”.

A anterior quenda, correspondente á Fase XVII do programa ERRP, resolta tras a sesión da Comisión de Valoración celebrada o pasado 19 de xuño, incluíu tres expedientes aprobados que permitiron financiar actuacións de rehabilitación enerxética sobre 14 propiedades e 6 locais comerciais. O investimento público asignado foi de 426.800 euros, dos que 414.800 euros corresponderon á axuda base e 12.000 euros á retirada de amianto. Ningunha das solicitudes incorporou incremento por vulnerabilidade.

A convocatoria inicial dispoñía dun orzamento total de 850.986,25 euros, cofinanciados polo MITMA e os fondos europeos NextGenerationEU, e articulada a través do programa de axuda ás actuacións a nivel de barrio. Dado que aínda queda dispoñible preto da metade dos fondos, o Goberno local decidiu activar un novo prazo de dous meses para presentar solicitudes, que comezará a contar a partir do día seguinte á publicación do acordo no Boletín Oficial da Provincia de Lugo.

“As axudas están dirixidas a todas aquelas persoas propietarias de inmobles de uso residencial que desexen mellorar a eficiencia enerxética dos seus edificios. É unha oportunidade clara para reducir o consumo, aumentar o confort e revalorizar as vivendas, especialmente nun ámbito tan sensible como o centro histórico”, explicou o rexedor, que tamén incidiu en que “este tipo de programas tamén teñen un efecto positivo sobre o tecido económico local, dinamizando o sector da rehabilitación e a construción sostible”.

As actuacións subvencionables inclúen todas aquelas que permitan acadar os obxectivos mínimos de aforro enerxético establecidos nas bases, podendo incluír melloras de accesibilidade ou outras intervencións complementarias sempre que contribúan ao balance enerxético global. Quedan expresamente excluídas actuacións en edificios ruinosos, operacións puras de baleirado e reconstrución, instalacións con xeradores térmicos de combustibles fósiles e inmobles de uso turístico, sociosanitario ou asimilable.

Poderán optar ás axudas aquelas persoas propietarias de vivendas ou edificios de uso residencial situados na área ARI-ERRP do Centro Histórico de Lugo. As actuacións deberán estar iniciadas con posterioridade ao comezo de 2020 e non estar rematadas no momento de presentar a solicitude. O prazo para executar as obras e xustificar os gastos remata en xuño de 2026.

As bases da convocatoria están publicadas no BOP nº 159, do 10 de xullo de 2024, e poden consultarse tamén na web municipal www.concellodelugo.gal. O Concello anima a todas as persoas interesadas a informarse e participar. “Queremos que ningún fondo quede sen repartir. A nosa prioridade é que estes recursos cheguen a quen máis os necesita e se transformen en vivendas máis eficientes, máis confortables e cun maior valor patrimonial”, concluíu Miguel Fernández.

Noticias relacionadas