O Executivo de Paula Alvarellos aproba un novo modelo de concesión de subvencións a través dun convenio tipo que permitirá acurtar prazos na entrega das axudas

O obxectivo desta iniciativa é dar máis axilidade á tramitación das achegas e simplificar trámites administrativos, o que redundará de xeito positivo no tecido asociativo da cidade.

Prevese un pagamento anticipado do 50 por cento do importe da subvención, en concepto de entrega de fondos con carácter previo á xustificación.

Ademais, este novo modelo establece delegar nos concelleiros da área as atribucións correspondentes á aprobación dos convenios, o que achegará dinamismo a todo o procedemento burocrático.

Mércores, 27 de novembro de 2024
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Executivo de Paula Alvarellos aproba un novo modelo de concesión de subvencións a través dun convenio tipo que permitirá acurtar prazos na entrega das axudas

O Executivo de Paula Alvarellos aprobou na Xunta de Goberno local celebrada esta mañá un novo modelo de concesión de subvencións nominativas a asociacións. O obxectivo desta iniciativa é aportar máis axilidade na tramitación das achegas e simplificar trámites administrativos, o que repercutirá de xeito positivo no tecido asociativo da cidade e incentivará a súa capacidade de traballo en prol da comunidade nos seus diferentes eidos de actuación.

A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, valorou positivamente o novo modelo normalizado de convenio, que “redundará nunha tramitación máis áxil das subvencións previstas no orzamento municipal con repercusión tanto nas axudas actuais como nas dos vindeiros exercicios. Con este tipo de acordo imos canalizar dunha forma máis rápida e efectiva as subvencións previstas nas contas municipais”.

Trala valoración deste novo modelo por parte dos servizos municipais de Fomento, Asesoría Xurídica e Intervención, se deu o visto bo a esta nova opción de convenio, no que prevese ademais un pagamento anticipado do 50 por cento do importe da subvención, en concepto de entrega de fondos con carácter previo á xustificación. Esta tramitarase no momento da sinatura do convenio por ambas partes, sen necesidade de solicitude previa por parte da entidade beneficiaria e con dispensa de garantía.

Ademais, o novo modelo do Concello de Lugo establece, a efectos de execución, delegar nos distintos concelleiros das área implicadas as atribucións correspondentes á aprobación dos convenios reguladores das subvencións, o que achegará dinamismo a todo o procedemento burocrático e acurtará prazos na concesión e pagamento destas subvencións. “Este cambio de sistema repercutirá de forma positiva no nosos tecido asociativo e aportará seguridade aos colectivos”, rematou a alcaldesa.

Noticias relacionadas