Destínanse a estas subvencións un total de 15.000 euros.
A figura da muller e o uso do galego son criterios a valorar para a concesión das subvencións.

A Concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, anunciou que desde hoxe se poden solicitar as subvencións ás asociacións culturais e persoas xurídico-privadas sen ánimo de lucro que desenvolvan a súa actividade no eido da cultura. Un total de 15.000€ que se destinarán a colectivos constituídos e domiciliados no concello de Lugo.
Entre os criterios par a obtención das axudas teranse en conta as actividades que non utilicen a muller como reclamo ou denigren a súa imaxe, que a entidade conte cunha vogalía ou departamento de muller ou igualdade, ou que a composición da directiva conte cun 50% de mulleres. Ademais, valorarase o uso e a difusión do galego na actividade e a difusión dos valores culturais galegos e lucenses.
As asociacións poderán incluír no seu proxecto os gastos que directamente e de maneira indubidable respondan á natureza do proxecto obxecto de subvención e se realicen no ano 2025, incluídos os gastos de persoal necesario sempre que se trate de persoal específico para o seu desenvolvemento. Ademais, tamén se poderán incluír gastos necesarios para o funcionamento da asociación (luz, teléfono ou alugueres de instalacións entre outros), sempre ata un máximo do 20% da subvención concedida.
As asociacións que o desexen, poden presentar a documentación requirida ata o vindeiro 14 de agosto, a través da sede electrónica. Toda a información e as bases poden consultarse no Boletín Oficial da Provincia de hoxe.
Audio
- A Concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, sobre as subvencións ás asociacións culturais | Descargar mp3

