Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > Maite Ferreiro anuncia a apertura do prazo de solicitude das subvencións para actividades culturais da área de Cultura

Maite Ferreiro anuncia a apertura do prazo de solicitude das subvencións para actividades culturais da área de Cultura

Destínanse a estas subvencións un total de 15.000 euros.

A figura da muller e o uso do galego son criterios a valorar para a concesión das subvencións.

  • Tema
    • Benestar social,
    • Animación sociocultural,
    • Cultura e Turismo,
    • Xestión cultural,
    • Economía,
    • Subvencións municipais
Mércores, 23 de xullo de 2025
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Maite Ferreiro anuncia a apertura do prazo de solicitude das subvencións para actividades culturais da área de Cultura

A Concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, anunciou que desde hoxe se poden solicitar as subvencións ás asociacións culturais e persoas xurídico-privadas sen ánimo de lucro que desenvolvan a súa actividade no eido da cultura. Un total de 15.000€ que se destinarán a colectivos constituídos e domiciliados no concello de Lugo.

Entre os criterios par a obtención  das axudas teranse en conta as actividades que non utilicen a muller como reclamo ou denigren a súa imaxe, que a entidade conte cunha vogalía ou departamento de muller ou igualdade, ou que a composición da directiva conte cun 50% de mulleres. Ademais, valorarase o uso e a difusión do galego na actividade e a difusión dos valores culturais galegos e lucenses.

As asociacións poderán incluír no seu proxecto os gastos que directamente e de maneira indubidable respondan á natureza do proxecto obxecto de subvención e se realicen no ano 2025, incluídos os gastos de persoal necesario sempre que se trate de persoal específico para o seu desenvolvemento. Ademais, tamén se poderán incluír gastos necesarios para o funcionamento da asociación (luz, teléfono ou alugueres de instalacións entre outros), sempre ata un máximo do 20% da subvención concedida.

As asociacións que o desexen, poden presentar a documentación requirida ata o vindeiro 14 de agosto, a través da sede electrónica. Toda a información e as bases poden consultarse no Boletín Oficial da Provincia de hoxe.

Audio

  • A Concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, sobre as subvencións ás asociacións culturais | Descargar mp3 [1]

URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/maite-ferreiro-anuncia-apertura-do-prazo-de-solicitude-das-subvencions-para-actividades

Ligazóns:
[1] https://concellodelugo.gal/sites/default/files/20250723_maite_ferreiro_axudas_asociacions.mp3