Buide: "Buscamos fomentar a participación das familias no sistema educativo, mellorando a formación e colaborando na creación de comunidades".
Invírtense 10.000,00 euros na promoción das distintas actividades, que este ano, como novidade, permiten a inclusión de actividades culturais.

Iria Buide, concelleira de Educación e Difusión do Coñecemento, presentou o programa de subvencións dirixidas a asociacións de Nais e Pais de Alumnos/as (ANPAS) de centros sostidos con fondos públicos do Concello de Lugo para a realización de actuacións en materia de participación educativa.
A concelleira explicou que con esta liña de axudas "buscamos fomentar as actividades que impliquen a participación das familias no sistema educativo, mellorando a formación e coñecemento deste e axudando, colaborando na creación de comunidades educativas". Este ano, como novidade, serán subvencionables actividades de formación sobre distintas temáticas (adiccións, educación emocional, primeiros auxilios ou igualdade entre outras) e actividades culturais, como visitas a museos, visitas turísticas, etc.
Dende a Concellería de Educación do Concello de Lugo, considérase que a participación das familias na educación é un factor fundamental para conseguir o éxito educativo. "É preciso apoiar dende as institucións esta participación dentro do ámbito das competencias que ten cada Administración, motivo polo que poñemos en marcha unha liña de subvencións para as asociacións de nais e pais". Hai que ter en conta, explica Buide, "que o Concello de Lugo, co fin de axudar á conciliación da vida laboral e familiar, está xa a prestar un servizo de actividades extraescolares, polo que o obxecto desta subvención ás ANPAS é distinto, e non poderá ir dirixido á realización destas actividades".
O gasto inicial será de 10.000 euros, e de ata 2.000 euros por cada asociación para actuacións en materia de participación educativa, podendo cubrirse ata o 90% do custe do proxecto, e un 60% das actividades culturais. As bases poderán consultarse despois da súa publicación no BOE, prevista para esta semana, e o prazo de presentación de solicitudes será entre o 8 de setembro e o 3 de outubro.
Audio
- Iria Buide, concelleira de Educación e Difusión do Coñecemento, sobre as axudas ás ANPAS | Descargar mp3



