O Goberno local de Lugo insta á Xunta a executar os 500.000 euros orzamentados para recuperar o cuartel de San Fernando

O Concello reclama avances reais e unha comunicación fluida coa Administración local para que o histórico edificio se converta no futuro Museo da Romanización de Galicia.

A tenente de alcaldesa, Ana González Abelleira, denuncia a falta de vontade política da Xunta, que leva máis dunha década adiando un proxecto estratéxico para Lugo e mantendo esquecidas máis de 15.000 pezas arqueolóxicas.

A concelleira considera un agravio comparativo que o Executivo de Rueda invista máis de 17 millóns no Pazo de Lourizán mentres en Lugo non se dá un só paso para poñer en valor o cuartel de San Fernando.

Venres, 29 de agosto de 2025
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Goberno local de Lugo insta á Xunta a executar os 500.000 euros orzamentados para recuperar o cuartel de San Fernando

O Goberno local de Lugo urxe á Xunta de Galicia a dar o paso definitivo para executar os 500.000 euros consignados nos orzamentos autonómicos deste exercicio para iniciar a recuperación do cuartel de San Fernando. O obxectivo é que este emblemático edificio se converta no futuro Museo da Romanización de Galicia, un proxecto clave para poñer en valor o legado romano de Lugo e consolidar a cidade como capital cultural e patrimonial de Galicia.

A tenente de alcaldesa, Ana González Abelleira, criticou a falta de avances e lembrou que o compromiso da Xunta leva máis dunha década gardado nun caixón. “Falamos dun proxecto estratéxico, tanto para Lugo como para Galicia, que continúa esquecido pola falta de vontade política do Goberno galego. Os fondos existen, pero seguimos sen ver un só paso adiante e non existe a comunicación necesaria para que o proxecto avance”, subliñou.

O Concello recorda que Lugo dispón de máis de 15.000 pezas arqueolóxicas dos períodos altoimperial e baixoimperial, recuperadas nas escavacións realizadas desde os anos noventa, que permanecen almacenadas sen poder ser divulgadas nin aproveitadas por mor da inacción da Xunta, única administración competente nesta materia. “Non é lóxico nin xusto que a capital da romanización galega non conte cun museo para mostrar esta riqueza patrimonial incomparable”, apuntou a edila.

González Abelleira puxo tamén en evidencia o agravio comparativo con outros proxectos do país: “O Executivo de Rueda investirá máis de 17 millóns no Pazo de Lourizán, en Pontevedra, mentres en Lugo seguimos agardando a que se execute un investimento xa orzamentado e a todas luces insuficiente que só representa 2,9% do orzamento para o pazo pontevedrés. Isto demostra a discriminación que sofren os e as lucenses”.

Por iso, o Goberno local insta á Xunta a deixar atrás os anuncios baleiros e pasar aos feitos. “É hora de que se cumpra o orzamentado, sen polemizar con cada ausnto que incumbe a amabas administarcións que se respecte a Lugo e que se dea un paso firme para facer realidade o Museo da Romanización de Galicia. É unha cuestión de xustiza histórica e de equidade territorial”, concluíu González Abelleira.

Audio

  • Ana González Abelleira, sobre o cuartel de San Fernando | Descargar mp3

Multimedia

  • O Goberno local de Lugo insta á Xunta a executar os 500.000 euros orzamentados para recuperar o cuartel de San Fernando
  • O Goberno local de Lugo insta á Xunta a executar os 500.000 euros orzamentados para recuperar o cuartel de San Fernando

Noticias relacionadas