Lara Méndez presenta aos axentes socioeconómicos os Orzamentos de 2023 cos que avanzará na recuperación económica de Lugo

A rexedora expuxo ás persoas integrantes no CES a folla de ruta da Administración local para o vindeiro exercicio, “no que manteremos o esforzo nas políticas sociais, con 30M €, para atallar a vulnerabilidade e integrar ao sectores máis desfavorecidos”.

Os presupostos municipais, que se aproximan aos 118M €, foron aprobados na Xunta de Goberno Local celebrada hoxe e serán sometidos a debate e aprobación nun Pleno o vindeiro venres 16, tralo cal se abrirá un proceso para presentar alegacións.

A alcaldesa destacou o crecemento, do 17’85%, do capítulo de investimentos cos que se pretende reactivar a economía e continuar a transformación da cidade iniciada en 2015.

Un ano máis o Concello manterá conxeladas as taxas e impostos municipais para non impoñer máis cargas á veciñanza.

Mércores, 07 de decembro de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez presenta aos axentes socioeconómicos os Orzamentos de 2023 cos que avanzará na recuperación económica de Lugo

A rexedora de Lugo, Lara Méndez, presentou hoxe ás persoas integrantes do Consello Económico e Social (CES), o proxecto de Orzamentos para 2023 que ascende a case 118 millóns de euros.

A alcaldesa foi a encargada de presidir a reunión deste órgano de participación, constituído polos representantes dos grupos políticos municipais, o tecido empresarial e sindical, a Universidade, alén doutras Administracións como a Xunta e a Deputación provincial.

O Presuposto municipal foi, así mesmo, aprobado na sesión da Xunta de Goberno Local celebrada esta mañá, de forma que a súa tramitación continuará o martes coa celebración dunha Comisión de Contas e a realización dun Pleno Extraordinario, o próximo venres, 16 de decembro, no que se sometará a debate e tralo cal se abrirá un proceso para que, quen o estime oportuno, poida presentar alegacións.

A mandataria lucense, Lara Méndez, incidiu durante o encontro en que, as de 2023 serán unhas contas “expansivas” nas que “o Concello seguirá apostando polo carácter social das políticas municipais debido á necesidade de saír con fortaleza do proceso de recuperación económica” que se desprendeu da crise sanitaria e da situación inflacionaria que atravesamos e que mantén disparado o IPC – debido ao incremento dos prezos da enerxía – a raíz do conflito bélico en Ucraína.

“Sendo esta a realidade que nos toca vivir, o Concello de Lugo pretende contribuír a esta recuperación cun orzamento que incorpora un considerable aumento do gasto, xa que resulta indispensable para darlle cobertura a esa suba de prezos en servizos e investimentos”, sinalou a alcaldesa.

Deste xeito, Méndez comprometeuse a que, durante o vindeiro ano, as taxas e os impostos municipais seguirán conxelados, “xa que non é momento para impoñer máis cargas fiscais á veciñanza”, ao tempo que o Goberno local manterá as contías dedicadas a gastos sociais e de vivenda, sen esquecer outras necesidades da cidade como son a limpeza, o medio ambiente ou o transporte.

“Este proxecto orzamentario, o derradeiro do mandato en vigor, enmárcase, pois, dentro dun contexto de recuperación da crise económica, social e sanitaria. Unha recuperación non exenta de incertezas pero que grazas á inmellorable posición de liquidez e estabilidade que posúe a Administración Local, nos permite continuar axudando aos sectores sociais e colectivos máis castigados e vulnerables e mellorar, ao mesmo tempo, os servizos á cidadanía mentres impulsamos a reactivación do tecido produtivo”, engadiu.

Méndez subliñou que ese incremento do gasto se levará a cabo de acordo ao marco de dispoñibilidade dos recursos cos que contamos xa que, para iso, “levamos realizado unha previsión prudente e, sobre todo, realista dos ingresos e sempre en cumprimento do marco legal actual”.

Neste senso, a alcaldesa lembrou que no próximo exercicio se mantén a supresión das regras fiscais, entre elas, a de gasto. “Unha circunstancia que unida á solvente posición económica do Concello e ao seu nulo nivel de endebedamento, nos permitirá que, chegado o momento, se poida concertar débeda, manténdonos, aínda así, moi por baixo dos límites prudentes”, matizou.

A rexedora sostivo, igualmente, que o sistema de prioridades empregado na elaboración do plan “é o do propio equipo de Goberno, o do noso compromiso co desenvolvemento sostible, a igualdade, o dereito á vivenda, a responsabilidade para coa emerxencia climática e a innovación. Prioridades que se plasman en programas concretos do orzamento, pero que resultan transversais na maioría das actuacións que se realizan en calquera das actividades municipais”, concluíu a rexedora.

Liñas estratéxicas do Orzamento Municipal de 2023

  • Un ano máis o Concello manterá conxeladas as taxas e os impostos municipais, para non impoñer máis cargas á veciñanza.
  • Seguen a priorizarse os investimentos en políticas sociais, ás que se destinarán en torno aos 30 millóns de euros a través dos programas sociais de benestar, persoas maiores, muller e infancia.
  • Increméntase o capítulo de investimentos nun 17’85% respecto ao 2022, ata acadar os 14 millóns de euros co obxectivo de seguir avanzado na transformación de Lugo e na mellora das infraestruturas dos barrios e do rural, para o que se aproveitarán os fondos europeos, mantendo á cidade á vangarda das políticas de benestar social e loita contra co cambio climático.
  • O gasto corrente aumentará tamén nun 9%, indispensable para cubrir a suba de prezos en servizos e investimentos e atender as necesidades do municipio.

Investimentos previstos

Entre as partidas máis destacadas figuran:

  • 6,5 millóns no proxecto de peonalización integral do Casco Histórico do proxecto Corazón Verde.
  • 1,4 milóns nos proxectos do DUSI Muramiñae.
  • 1.300.000 en peonalización e humanización dos barrios.
  • 300.000 euros en mellora de iluminación pública viaria na zona urbana e 140.000 euros na zona rural.
  • 700.000 euros en pavimentacións.
  • 200.000 euros en infraestruturas no rural.
  • 60.000 euros en accesibilidade.
  • 658.000 euros no proxecto de turismo de creación dun centro etnogastronómica na Fábrica da Luz a través dos fondos europeos.
  • 200.000 euros na modernización tecnolóxica.
  • 400.000 euros na modernización do parque de Bombeiros para mellora a seguridade cidadá.
  • 130.000 en ordenación do tráfico.

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre a presentación ao CES dos Orzamentos | Descargar mp3

Noticias relacionadas