Lara Méndez: “A Xunta ignora nos orzamentos o Centro Histórico, o patrimonio, o rural, os barrios e incluso as promesas de Feijóo”

A alcaldesa tacha de falta de respecto á cidadanía que Rueda fixe unha reunión con ela para escoitar as necesidades de Lugo cando xa presentou as contas do 2023.

O Goberno galego non inclúe partidas económicas para o Hospital de San Miguel, a Casa Torre, o Museo da Romanización nin para vivendas na Tinería nin para os fornos romanos.

Outro ano máis, os lucenses non recibirán nin un só euro para saneamento do rural a pesar de pagarlle á Xunta 10’9 millóns € desde hai 8 anos a través do canon da auga para este fin.

Para a rexedora, a cifra de 6 millóns de euros para a Rolda Leste é unha entelequia porque nin se coñece o proxecto, nin os prazos dan para a exposición pública e as expropiacións.

A rexedora advirte que non existe partida para o Centro da Aeronáutica da Residencia, cifrado en 1’5 millóns, nin para os aparcadoiros alternativos na zona anunciados por Feijóo.

Venres, 21 de outubro de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez: “A Xunta ignora nos orzamentos o Centro Histórico, o patrimonio, o rural, os barrios e incluso as promesas de Feijóo”

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, lamentou hoxe que o anteproxecto de orzamentos da Xunta de Galicia “ignore tanto as débedas e compromisos adquiridos hai anos cos e coas lucenses como as súas competencias, ao non incluír partidas para o Centro Histórico, a conservación do patrimonio, os barrios e o rural.  Mesmo menospreza os proxectos anunciados por Feijóo para Lugo xusto antes de marchar para Madrid”.

A rexedora advertiu que “a cidadanía lucense sinte, un ano máis, que vive nun eterno ‘déjà vu’ co goberno do PP en Galicia, co agravante de que os atrasos en proxectos estratéxicos para a cidade frean que poidamos reivindicar novas execucións para avanzar ao ritmo doutras urbes galegas”.

Neste senso, Méndez tachou de falta de respecto a Lugo que o presidente, Alfonso Rueda, impuxese, sen consenso, unha día (o 24 deste mes) para reunirse con ela para escoitar as necesidades da cidade, cita que se se celebrará xa cos orzamentos presentados. Lembrou que, pola contra, ela lle solicitou a reunión o 31 de maio, 15 días despois de tomar posesión, polo que “tivo seis meses para reunirse comigo e coñecer o sentir de Lugo; agora, a xuntanza do luns se presenta como un mero trámite e unha foto baleira de contido”.

Na súa valoración do anteproxecto de orzamentos, a alcaldesa destacou o nulo compromiso co Centro Histórico, onde a Xunta elude as súas responsabilidades ao non existir partidas económicas para a recuperación de vivendas nin para o Hospital de San Miguel e a Casa Torre, así como para o Museo da Romanización de Galicia ou para a recuperación dos fornos romanos atopados na UI-7 do barrio da Tinería e que constitúen unha das maiores concentracións deste tipo de infraestrutura industrial do noroeste peninsular.

A rexedora incidiu, alén, na necesidade de que a Xunta actúe nestes ámbitos das súas competencias para acompasar o enorme esforzo inversor que está a realizar o Concello “non só para mellorar a vida das e dos residentes no Centro Histórico senón para impulsar a economía da zona intramurallas e o turismo. Estamos a falar dos 9 millóns de euros que investiremos na peonalización integral cofinanciados por Europa, os 10 millóns de € que solicitamos para rehabilitar o Cuartel como Museo; os 436.000 euros para recuperar a cloaca romana ou os 2’2 millóns de euros que estamos a investir no Camiño Primitivo”.

A Xunta non avanza no Plan Paradai

Méndez advertiu, ademais, que a Xunta se esquece, outro ano, dos barrios, como o de Paradai, Sagrado Corazón e Estación, os principais beneficiados de que finalice o Plan Paradai tras 21 anos desde o seu inicio. Os  orzamentos inclúen a mesma partida de 500.000 euros de todos os anos, que nunca se executa. “Entendemos que tampouco no 2023, debido a que xa anunciou a candidata do PP que esa obra non é prioritaria porque non lle dá réditos políticos”, lembrou.

A alcaldesa citou tamén ao barrio da Residencia, onde “a realidade é túzara, xa que a Xunta tampouco inclúe para o vindeiro ano o Centro de Aeronáutica prometido na zona do antigo hospital cun investimento de 1’5 millóns de euros, “a un barrio onde previamente deixou sen os terreos necesarios para executar a Comisaría”. Incidiu, ademais, en que non existen partidas para os aparcamentos disuasorios que prometeu Feijóo a última vez que estivo en Lugo para esa zona e para Nadela.

“Non só desprezan á veciñanza, tamén ao anterior presidente da Xunta ao non incluír esas partidas nominativas, como tampouco van para as sendas peonís que prometeu cun investimento de 4’7 millóns de euros para unir a futura estación Intermodal co HULA e para enlazar o parque de Rosalía e o Miño con pasarelas e ascensores”, explicou.

O rural tamén desaparece dos orzamentos do Goberno galego no 2023 ao non reverter “nin un só euro para o saneamento dos 10’9 millóns de euros que recadou co canon da auga desde o 2016, canon finalista por lei para ese fin, “e que a Xunta destina na súa totalidade a outros concellos, discriminando ás e aos lucenses”.

En canto ás vivendas sociais, Méndez dubida da partida dun millón de euros anunciada para executalas en O Castiñeiro, barrio “que elixiron sen falalo previamente coa veciñanza e que, moito nos tememos, será un novo anuncio xa que no seu día se falou dun custo de 7’8 millóns de euros e a propia conselleira asegurou que a redacción do proxecto estaría licitada no segundo trimestre deste ano, e nada máis soubemos”. Para a alcaldesa, o tema da vivenda é especialmente preocupante porque “existe, desde hai anos unha listaxe dun millar de persoas esperando a unha vivenda accesible sen que a Xunta lle dea resposta”.

Rolda Leste

O maior investimento para Lugo no anteproxecto da Xunta é o da Rolda Leste, 6 millóns de euros para o 2023, que Lara Méndez cualificou de entelequia tras 15 anos de espera tendo en conta o cronograma que estableceu hai apenas uns días nunha comparecencia no Parlamento o director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez. Neste senso, avanzou que esperaba aprobar na primavera do 2023 o expediente de información pública e o proxecto do trazado, e desde aí aínda deberían proceder ás expropiacións, polo que a obra non se iniciaría ata o 2024.

“Lamentablemente, soa a un novo anuncio electoral como o que xa realizou na anterior precampaña o entón delegado da Xunta, que quedou en nada, e temos que lembrar que a propia conselleira Ethel Vázquez informou de que a obra se licitaría a principios do 2020, e aínda estamos esperando”, sostivo Méndez, que destacou a importancia desta obra para desconxestionar barrios como Fontiñas ou a contorna do Rato.

Para a alcaldesa, as contas autonómicas tamén “reflicten o escaso interese do PP por impulsar o municipio, impulso máis necesario que nunca nesta etapa de recuperación postpandemia, na que non recibimos ningunha compensación polos gastos extraordinarios que tivemos que realizar para manter tanto a economía como a parte máis social, incluso en competencias que non son municipais, e que nos vimos obrigados a afrontar só con recursos propios”, concluíu.

Audio

  • A alcaldesa Lara Méndez, sobre os orzamentos da Xunta (I) | Descargar mp3
  • A alcaldesa Lara Méndez, sobre os orzamentos da Xunta (II)  | Descargar mp3

Noticias relacionadas