A solvencia do Concello de Lugo permitirá ao Executivo rematar o mandato sen recorrer a débeda financeira para culminar os proxectos municipais

A rexedora, Lara Méndez, deu conta esta mañá da liquidación do orzamento de 2022 que presentou un resultado presupostario positivo cunha execución do 100%.

A xestión realizada favoreceu acadar un aforro superior aos 5 millóns de euros e a suficiencia do remanente de tesourería posibilitará sufragar as obras iniciadas sen solicitar préstamos.

O Goberno local mantén, así, a débeda cero dende o ano 2017, a pesar do esforzo económico realizado estes anos para atallar a vulnerabilidade social, apoiar ao tecido produtivo e crear novas infraestruturas que melloren a calidade de vida da cidadanía.

Xoves, 30 de marzo de 2023
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A solvencia do Concello de Lugo permitirá ao Executivo rematar o mandato sen recorrer a débeda financeira para culminar os proxectos municipais

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, presentou hoxe o resultado da liquidación do orzamento municipal do pasado exercicio.

“Unhas contas, as de 2022, que se poden definir como saneadas e solventes e que certifican o que vimos defendendo dende o inicio do mandato, a liquidez da Administración local”, afirmou a rexedora.

Méndez, que compareceu acompañada pola tenente de alcaldesa e concelleira de Gobernanza, Paula Alvarellos e polo Interventor municipal, Manuel Vázquez, debullou as conclusións máis significativas do informe de liquidación no que destaca un resultado presupostario positivo.

“Non só rematamos o ano con 5’5 millóns de euros (5.495.996 €) máis de ingresos que de gastos, senón que tamén acadamos un aforro neto de 5.060.368 € o que respalda a nosa xestión e certifica que, pese aos esforzos económicos que se fixeron, temos capacidade suficiente para devolver débeda e continuar realizando investimentos”, afirmou.

A alcaldesa incidiu noutro dato máis.

“O resultado presupostario é positivo e temos aforro logo de executar o 100% do orzamento do que dispoñíamos. Case 107 millóns de euros que, en plena era postpandemia e inmersos nunha crise global derivada do conflito bélico en Ucraína, nos permitiron atravesar con fortaleza o proceso de recuperación económica, sen desatender os servizos municipais, incrementado en número e calidade as prestacións públicas, apoiando o emprendemento e consolidación empresarial, continuando coa transformación da cidade e das zonas dotacionais para mellorar a calidade de vida da veciñanza”, engadiu Lara Méndez.

A rexedora fixo fincapé, a continuación, no remanente de tesourería que arroxa un resultado de 22.368.763 euros.

“Unha cantidade que nos permitirá – anunciou – desbotar a posibilidade de recorrer ao endebedamento financeiro (de 11’7 millóns euros) que estaba contemplado”.

Deste xeito Lara Méndez aposta por non solicitar ningún crédito e asumir cos fondos propios – á vista da liquidez da Institución e de que os mesmos son suficientes – os proxectos comprometidos e iniciados co fin de manter a débeda cero na que o Concello permanece dende o 2017.

“Sumamos, por tanto, e pese ao contexto social internacional, dous mandatos consecutivos sen ter que solicitar préstamos bancarios para atender á totalidade das necesidades das e dos lucenses, cumprindo e materializando todas as actuacións que fomos anunciando e, polo tanto, os compromisos que adquirimos coa cidadanía”, sostivo.

A mandataria lucense fixo alusión, así mesmo, á suspensión das regras fiscais “en tanto nos permitiu facer ese esforzo que a poboación necesitaba nunha etapa tan delicada coma esta”.

Somos conscientes de que levamos anos realizando un considerable aumento do gasto, xa que resultou indispensable para darlle cobertura á suba de prezos dos servizos e materiais sen repercutilo no peto dos contribuíntes ao manter, por outra parte, conxeladas as taxas e impostos municipais”.

“Non era momento para impoñer máis cargas fiscais á cidadanía pero nunca tanto como nestes anos foi preciso manter e fornecer as contías dedicadas a gastos sociais e de vivenda, mellorar prestacións como a protección e o acompañamento a maiores, a Axuda no Fogar, incrementar a limpeza viaria e recollida de lixo ou adaptar e ampliar contratos como o de mantemento de zonas verdes para adaptalos á realidade e ás necesidades actuais do municipio”, continuou.

“E foi precisamente a posición de liquidez e estabilidade que posúe a Administración local, a que nos permitiu e permite continuar axudando aos sectores e colectivos máis castigados e vulnerables, mellorando, ao mesmo tempo, os servizos á sociedade mentres impulsamos a reactivación do tecido produtivo, e nos dotamos de novas infraestruturas que nos posicionan como un Concello referente na loita activa contra os efectos do cambio climático e como unha localidade atractiva na que desenvolver o noso proxecto vital”, incidiu a rexedora.

Méndez subliñou, así mesmo, que ese incremento do gasto “se levou a cabo de acordo ao marco de dispoñibilidade dos recursos cos que contamos xa que, para iso, levamos realizado unha previsión prudente e, sobre todo, realista dos ingresos e sempre en cumprimento do marco legal actual que, á vista desta liquidación, unha vez máis constata a nosa solvencia e capacidade de xestión”, concluíu a alcaldesa de Lugo.

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre a liquidación dos "Orzamentos 2022" | Descargar mp3

Noticias relacionadas