Lara Méndez: “Os Orzamentos do 2023 protexerán familias e empresas e consolidarán o noso modelo de cidade e a recuperación económica”

A alcaldesa de Lugo anuncia a conxelación de taxas e impostos municipais para non impoñer máis cargas á veciñanza, afondando nun ciclo de contención fiscal sen precedentes.

Mantense o reforzo das políticas sociais, ás que se destinan 30 millóns, “para atender aos colectivos máis vulnerables e integrar os sectores máis desfavorecidos”, di Méndez.

Crece o capitulo de investimentos un 17,85% respecto ao 2022 buscando á reactivación da economía e avanzar na segunda transformación de Lugo iniciada no pasado mandato”, segundo a rexedora.

O primeiro tenente de alcaldesa sostén que as contas avanzan nun proxecto de cidade co que Lugo xa gañou preto de dúas hectáreas de espazo peonil.

"Estes orzamentos contan cunha gran viabilidade, o que se demostra co excelente grao de execución dos investimentos orzamentarios durante todo o mandato", afirmou Rubén Arroxo.

A rexedora destaca a solvencia e a rigorosidade das contas municipais, “que nos permite ser ambiciosos, tras acadar no 2017 a débeda cero, que se mantivo durante todos estes anos”.

Luns, 05 de decembro de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez: “Os Orzamentos do 2023 protexerán familias e empresas e consolidarán o noso modelo de cidade e a recuperación económica”

A alcaldesa lucense, Lara Méndez, presentou hoxe, acompañado do tenente de alcaldesa, Rubén Arroxo, o Proxecto de Orzamentos do 2023, que serán, un ano máis, claramente expansivos e sociais, “co fin de continuar co impulso da segunda gran transformación verde e sostible de Lugo na que traballamos desde o mandato pasado e para o Plan de Recuperación Económica que activamos tras a pandemia e no que estamos a investir a maior contía económica da nosa historia”, sostivo a rexedora.

As contas municipais ascenden a 118 millóns de euros, un 10,4% respecto ao 2022, “un crecemento importante que busca protexer ás economías familiares e aos sectores produtivos fronte a situación inflacionaria actual, cun índice de prezos ao consumo disparado ocasionado polo incremento dos prezos da enerxía a raíz da guerra de Ucraína”.

Por este motivo, a alcaldesa marcou as 4 liñas principais dos orzamentos:

  1. A conxelación un ano máis,das taxas e os impostos municipais, porque malia o aumento do gasto na mellora dos servizos esenciais cos novos contratos, “non é o momento de impoñer máis cargas á veciñanza. Afondamos así nun ciclo de contención fiscal sen precedentes que debe contribuír a apuntalar o período de recuperación económica”, aclarou.
  2. Mantemento das importantes contías dedicadas a ser escudo social e protexer ás persoas e colectivos máis vulnerables. A estas políticas municipais destinaranse preto de 30 millóns de euros, “dirixidos aos programas sociais de benestar, persoas maiores, muller e infancia, e partidas coas que traballaremos para acadar mellores niveis de calidade de vida, atender aos colectivos máis vulnerables e integrar aos sectores máis desfavorecidos, así como para fomentar a oferta educativa, deportiva, cultural e turística, e marcando, así mesmo, unha implicación decidida dos distintos sectores sociais e económicos como impulsores dos cambios”, remarcou.
  3. Incremento do capitulo de investimentos un 17,85% respecto ao 2022 ata acadar os 14 millóns de euros, “unha cifra histórica dirixida moi especialmente á reactivación da economía e a facer fronte aos novos retos que afronta a cidade”, comentou Lara Méndez incidindo en que se avanzará na segunda transformación de Lugo iniciada no pasado mandato desde distintas áreas de Goberno para mellorar as infraestruturas nos barrios e no rural e aproveitar os fondos europeos Next Generation para modernizar Lugo e situar a cidade á vangarda das políticas de benestar social e loita contra co cambio climático”.
  4. Aumento do capítulo de gasto corrente nun 9%, indispensable para cubrir a suba de prezos en servizos e investimentos e atender as necesidades da cidade como son as da limpeza, zonas verdes e medio ambiente, con novos contratos que case duplican os existentes, ou o transporte que segue a ser reforzado con importantes dotacións.

Neste senso, a rexedora fixo fincapé en que “alcanzamos cifras récord para, baixo os criterios de sostibilidade marcados na propia axenda urbana municipal, sigan sendo as contas que encarrilan os que van ser, sen dúbida, anos de intensa transformación da nosa cidade, que a van consolidar como unha das máis agradables para vivir do noso país”.

Solvencia económica

Lara Méndez aclarou que “estas contas son posible grazas á posición de solvencia e estabilidade do Concello que acadamos no 2017 do pasado mandato, ano no que logramos unha débeda cero, débeda cero que se mantivo durante todos estes anos”. Grazas á mesma, e ante a necesidade de apuntalar a recuperación económica e o apoio social tras estes anos de crise, avanzou que o Concello consignou na previsión inicial de ingresos un endebedamento financeiro de 11,7 millóns de euros -cantidade moi por debaixo dos límites prudente destes orzamentos, segundo o informe de intervención-, e sen prexuízo da súa modificación por recursos derivados dos remanente, como xa se fixo o ano pasado.

A rexedora lembrou que “o Proxecto de Orzamentos taménresponde aos obxectivos que nos marcamos como municipio no Plan de Acción da Axenda Urbana Lugo 2030 recentemente aprobado tras desenvolver distintos procesos de participación cidadá entre a poboación e os distintos sectores sociais e económicos”.

En canto ao capítulo de ingresos, o seu aumento fundaméntase no incremento das achegas procedentes do Estado pola vía da participación nos seus tributos, ao cofinanciamento do Fondo Europeo con cargo aos Next Generation e á previsión por ingresos das taxas urbanísticas que, segundo á área de Intervención, se alcanzarán tras a entrada en vigor da nova ordenanza reguladora, que permitirá axilizar a tramitación burocrática.

Prioridades de gasto e investimento

O sistema de prioridades deste orzamento baséase nos compromisos do Executivo de Lara Méndez na loita contra as desigualdades e a defensa dos dereitos sociais e a diversidade; o apoio á dinamización económica, emprendemento, emprego de calidade, economía verde e circular e atraer e reter o talento; o dereito á vivenda, impulsando a rehabilitación e a transformación urbana nos barrios, apostando por uns espazos públicos de convivencia; e a aposta pola educación, a cultura, o deporte, a ciencia e a innovación.

Investimentos

A medio prazo, o orzamento de 2023 está orientado á execución dos fondos europeos de recuperación con liñas dirixidas á dixitalización, ao desenvolvemento sostible e á cohesión social.

“Todos _sostivo Lara Méndez_ investimentos estratéxicos para o futuro da cidade, que se unirán a outras de implantación tecnolóxica e industrial que se confirmarán ao longo do ano, a través do noso fondo de capital Lugo Transforma, que reportará centos de novos postos de traballo e a promoción de Lugo como polo de modernización de primeiro nivel”.

A rexedora destacou, entre as partidas de investimento:

  • 6,5 millóns de euros do proxecto Corazón Verde para a peonalización integral do Casco Histórico, que se desenvolve cos fondos europeos.
  • 1,4 millóns nos proxectos europeos DUSI Muramiñae de accesibilidade da trama urbana co río, impulso e coidado do patrimonio e mellora do Carme.
  • 658.683 euros para a creación dun centro etnogastronómico na Fábrica da Luz a través da liña de 2 millóns do Plan Estratéxico de Turismo, solicitados aos fondos europeos.
  • 340.000 euros en mellora de infraestruturas e iluminación pública no rural.
  • 60.000 euros en accesibilidade.
  • 200.000 euros na modernización tecnolóxica.
  • 394.000 euros na modernización do parque de Bombeiros para mellora a seguridade cidadá.

Lara Méndez incidiu en que estas obras son a curto prazo e engadiu as actuación de melloras e renovación dos parques infantís, mentres que ao longo prazo, sostivo, “os orzamentos dobran o investimento en infraestruturas fundamentais como as obras de construción da futura estación intermodal xunto con outras Administracións ou a creación dun cinto verde lineal con enorme atractivo medioambiental”.

Espazos para a veciñanza

Pola súa banda, o tenente de alcaldesa, Rubén Arroxo, presentou as partidas das áreas de Mobilidade e Infraestruturas, Participación e Servizos para a Veciñanza, Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, incidindo en que están deseñados baixo a idea de "continuar a avanzar no proxecto de cidade co que levamos anos mellorando Lugo, facendo unha cidade máis amable para as persoas", o que se amosa coas quince rúas peonalizadas, nas que se gañaron 18.000 metros cadrados para a veciñanza que antes estaban ocupados polos coches, practicamente dúas hectáreas de novo terreo peonil”.

Rubén Arroxo destacou que "estes orzamentos, que son os últimos do mandato, contan cunha gran viabilidade que se demostra co excelente grao de execución dos investimentos orzamentarios".

Afirmou que “con estes orzamentos, Lugo continuará a avanzar na recuperación do espazo público, no aforro enerxético e na mellora dos espazos urbanos, ademais de manter a decidida aposta o pola cultura local e de base, poñendo en valor ás e aos artistas locais”.

No tocante á área de Mobilidade e Infraestruturas, Arroxo anunciou o investimento de 140.000€ para a segunda fase da peonalización da rúa Isaac Díaz Pardo, "para rematar esta rúa do barrio de Recatelo", explicou, e anunciou tamén 460.000€ para a renovación do Carril dos Loureiros "completando neste mandato a renovación de Recatelo consolidando unha zona peonil que comunique o centro da cidade co Parque de Rosalía". A esta renovación súmase a do muro de Frei Plácido Rei Lemos. “O persoal técnico do Concello de Lugo leva máis de 15 anos revisando o desgaste deste muro e decidiuse actuar agora, antes de que a estrutura continúe a deteriorarse”, explicou o tenente de alcaldesa, que avanzou un investimento de 650.000 euros. Tamén destinaranse 30.000 euros para a rotonda da Fonte dos Ranchos, que servirán para realizar un estudo técnico que mostre a viabilidade da proposta, e para a redacción do proxecto de obra; 700.000 para pavimentacións nas zonas urbanas e periurbanas e 200.000 para as zonas industriais.

Ao plan de renovación de alumeado público urbano dedicaranse 300.000€ euros, “que este ano se centrará nos pasos de peóns e itinerarios peonís despois de 3 anos actuando en moitas rúas da cidade”. "Estes investimentos son rendibles en pouco tempo xa que reducen amplamente o consumo eléctrico e reducen o impacto ambiental, nun momento no as Administracións temos que facer un importante esforzo en reducir o consumo enerxético", explicou Arroxo.

No tocante á área de Participación, destacou un investimento de 100.000€ para mellorar as instalacións da Praza de Abastos e 5.000€ para realizar investimentos no Cemiterio Municipal, “para atender tanto as demandas dos distintos vendedores e vendedoras como dos compradores da Praza de Abastos e no Mercado, así como ás necesidades do Cemiterio". Afirmou que "seguiremos a potenciar unha instalación que está a ter un gran crecemento, especialmente por parte da xente nova, o que se pode ver os sábados coa campaña “O noso mercado é un agasallo”.

A área de Cultura continuará a manter unha ampla programación cultural durante todo o ano, apostando polo tecido cultural local e pola promoción turística da cidade. Arroxo anunciou 15.000 euros para a adquisición de instrumentos na Escola Municipal de Música “un servizo que permite a moitas persoas estudar música sen ter en conta a súa capacidade adquisitiva”, mentres que as distintas instalacións culturais contan cunha partida de 25.000 euros para a realizar actuacións de mantemento, e a área de Educación conta con 3.000 euros para a renovación de mobiliario nas instalacións.

Audios

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre a solvencia municipal | Descargar mp3
  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre o orzamento expansivo | Descargar mp3
  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre a conxelación de taxas | Descargar mp3
  • O tenente de alcaldesa, Rubén Arroxo, sobre os orzamentos municipais | Descargar mp3

Multimedia

  • Lara Méndez: “Os Orzamentos do 2023 protexerán familias e empresas e consolidarán o noso modelo de cidade e a recuperación económica”

Noticias relacionadas