A alcaldesa informa á veciñanza de Dr. Fleming que xa se abriu un expediente ao local de ocio nocturno que denunciaron

Lara Méndez recibiu a unha representación dos residentes, escoitou as súas demandas e acordou manter con eles unha comunicación directa para darlles unha solución.

A rexedora sostén que “debemos actuar cando non se concilia o dereito ao ocio dunha parte da poboación co necesario e lexítimo dereito ao descanso por parte da cidadanía”.

Xoves, 26 de maio de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
 A alcaldesa informa á veciñanza de Dr. Fleming que xa se abriu un expediente ao local de ocio nocturno que denunciaron

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, mantivo unha reunión coa veciñanza de Dr. Fleming que solicitou esta xuntanza coa rexedora para abordar a difícil situación que están a vivir os e as residentes desta rúa polos ruídos e altercados vinculados cun local de ocio nocturno alí instalado.

Lara Méndez escoitou as demandas das persoas afectadas que lle trasladaron a imposibilidade da veciñanza da zona para poder durmir as fines de semana, os prexuízos que isto lles estaba a ocasionar ás crianzas e ás persoas maiores, principalmente, e tamén como as liortas na rúa son numerosas debido ao estado etílico da clientela, polo que moitos veciños tiñan medo de saír fóra das súas vivendas.

Méndez informounos de que o Concello abriu xa un expediente a este establecemento, que conta con varias denuncias tramitadas pola Policía Local e que, dende o Goberno municipal, se ían dar todos os pasos necesarios para que a veciñanza poida descansar tranquila e saír á rúa sen medo.

“É como debemos actuar cando non se concilia o dereito ao ocio dunha parte da poboación co necesario e lexítimo dereito ao descanso da cidadanía”, sostivo.

Igualmente, pediulles, “sabendo que non é fácil”, un pouco de paciencia. “Manter a presión policial é só unha solución temporal, mais vivimos nun estado garantista e cómpre agardar á finalización dos procesos aínda que non avancen todo o rápido que nos gustaría”, aclarou.

Así mesmo, acordou manter con eles unha comunicación directa para darlles conta en todo momento dos pasos que se están a seguir.

Audio

 

Noticias relacionadas