Paula Alvarellos e Rubén Arroxo presentan unha das contas máis elevadas da historia do Concello, que ascenderá a un total de 121.119.314’86 euros.
“A súa materialización vai permitir que ao longo deste ano Lugo avance na calidade dos servizos que se prestan á cidadanía, pero tamén que se consolide o proceso de dinamización económica no que estamos inmersos”, sinalou a alcaldesa.
Rubén Arroxo: "os orzamentos para o 2025 son ilusionantes, poderemos levar adiante proxectos que fagan avanzar a cidade".
Destinaránse máis de 3 millóns de euros á rexeración urbana, onde se contemplan proxectos a mellora integral do acceso a cidade pola Fervedoira, a mellora dos polígonos industrias da cidade ou a rexeneración da zona norte.
O Tenente de alcaldesa anunciou importantes investimentos, incluíndo 1.150.000 euros para renovar o Carril das Flores ou a trasnfromación do cruce entre Afonso X coa rolda de Fingoi.
Aumenta o apoio aos colectivos e entidades locais. As transferencias correntes ascenderán en 2025 a 6.246.648 euros, un 5’10% máis que o exercicio pasado.

A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, e o tenente de alcaldesa, Rubén Arroxo, presentaron esta mañá no salón de plenos da casa do Concello o anteproxecto de Orzamentos municipais para 2025. “A súa materialización vai permitir que ao longo deste ano Lugo avance na calidade dos servizos que se prestan á cidadanía, pero tamén que se consolide o proceso de dinamización económica no que estamos inmersos, xérese emprego e, por tanto, que sigamos gañando poboación e crecendo como municipio para conttinuar a ser o referente social, económico e cultural que necesita a provincia”, sinalou a rexedora.
Alvarellos explicou que o cambio na coxunutra internacional e nacional sumado á previsión de ingresos provenintes doutras administracións permitiron deseñar unhas contas centradas no reequilibrio finianciero tras anos de importante esforzo económico realizado polo Goberno local para minimizar o impacto das sucesivas crises sanitarias, sociais e de prezos sobre a economía doméstica dos e das lucenses. “Este aspecto, o reequilibrio, é, como saben, un dos obxectivos que me fixei desde a miña chegada á Alcaldía, xa que teño o firme convencemento de que unha administración saneada é sinónimo dunha administración eficaz”, apuntou.
Deste modo, o documento fixa uns obxectivos claros que se sustentan en cinco campos de actuación: a loita contra as desigualdades, a rexeneración dos barrios, a promoción da actividade económica, a potenciación do patrimonio natural e o investimento en educación, cultura, deporte e innovación para garantir o futuro da mocidade.
“Para levar a cabo todo este traballo contamos cun dos orzamentos máis elevados da historia do noso Concello, que ascenderá a un total de 121.119.314’86 euros. Iso si, un orzamento, e é moi importante este aspecto, tremendamente equilibrado e que fai unha previsión realista e rigorosa da percepción de ingresos. Por tanto uns orzamentos sensatos e responsables”,sostivo.
“Son tamén unhas contas tremendamente comprometidas en canto a políticas sociais refírese, onde aumentamos a consignación. Uns orzamentos que ademais atenden á finalización de proxectos xa iniciados e que tamén, tras aos contactos mantidos co tecido asociativo e veciñal neste ano á fronte da Alcaldía, tratan de recoller e responder as reivindicacións cidadás que son necesidades reais do municipio”, proseguiu.
O documento en cifras
Durante a exposición do anteproxecto, que mañá será presentado ao Consello Económico e Social para logo ser elevado á Xunta de Goberno Local antes do seu debate na sesión plenaria dese mes, a rexedora sinalou que o volume previsto de ingresos non financeiros increméntase case un 4%, ata chegar aos 112.159.314,86 euros, en boa medida debido os axustes nas figuras impositivas e tributarias que se realizaron a finais do pasado ano e que permite ao Concello achegarse un pouco máis ao autofinanciamento dos servizos esixido pola normativa.
En canto ao gasto corrente, este sitúase nos 108.248.553,80 euros, sendo 2.193.128 euros superior ao 2024 coa finalidade de atender adecuadamente as necesidades do municipio e ampliar a cobertura das diferentes prestacións. Así pois, dentro deste capítulo, a atención aos servizos e prestacións de protección social acaparan o 52’29% do orzamento total, os investimentos reais serán o 7’51%, ás que destinaremos 9.095.945 euros aos que é necesario sumar 2’9 millóns máis de activos financeiros dirixidos a impulsar neste 2025 o asentamento empresarial a través do Fondo de Capital Lugo Transforma.
Outro aspecto para destacar nesta proposta de orzamentos é que prevese a posibilidade de realizar unha operación de endebedamento financeiro, por importe de 8.860.000 euros. Cantidade sensiblemente inferior (ao redor dun 35%) en relación ao exercicio pasado onde, se lembran, ascendeu aos 13,5 millóns de euros.
“Neste asunto gustaríame ser especialmente didáctica para evitar interpretacións erróneas e para, de paso, desarmar tamén voces que probablemente xurdirán con mensaxes alarmistas. As operacións de crédito son unha ferramenta habitual na xestión das contas de calquera administración. É máis, o propio informe económico financeiro deste proxecto de orzamentos destaca a solvente posición económica do Concello co seu reducido nivel de endebedamento”, explicou a rexedora.
Respaldo ao tecido asociativo
Outra das patas dese incremento do gasto é o maior esforzo que o Executvio de Paula Alvarellos fará este ano para aumentar o apoio aos colectivos e entidades locais. As transferencias correntes ascenderán en 2025 a 6.246.648 euros, un 5’10% máis que o exercicio pasado, como mostra do compromiso do Concello co tecido asociativo de Lugo para colaborar e promocionar actividades de tipo cultural, social, deportivo, etc fomentadoras da conciencia veciñal e participativa.
“Exemplos dese apoio son, entre outros, un suplemento de case 30.000 euros, que completa ao que realizará a Deputación, para que a Protectora de Animais poida habilitar de maneira inmediata a zona de illamento e os canís de corentena que necesitan as instalacións; recupérase a subvención directa e excepcional para mellorar a cuberta dla igrexa do Carme ou as axudas aos proxectos de cooperación social”, relatou a alcaldesa.
Así serán os investimentos
Os investimentos sitúanse nun rango similar ao do pasado exercicio. En total serán 9.095.945 euros e ás que é necesario sumar 2’9 millóns máis de activos financeiros dirixidos a impulsar neste 2025 o asentamento empresarial a través do Fondo de Capital Lugo Transforma. Esta contía estará destinada de forma clara a, por unha banda, favorecer a cohesión territorial e social, tanto na zona urbana como na rural e, pola outra, a coidar, manter e mellorar as infraestruturas municipais, relacionadas principalmente con servizos fundamentais para a cidadanía.
Deste xeito, destinaránse máis de 3 millóns de euros á rexeración urbana, onde se contemplan proxectos como a mellora integral do acceso á cidade pola Fervedoira, dotado con 100.000 euros, a mellora dos polígonos industrias da cidade onde se investirá 500.000 euros ou os 200.000 euros destinados a rexeneración da zona norte para a que se espera ademáis un importante financiamento europeo.
Outro aspecto no que avanzará na cidade é a mellora da rede de abastecemento e sanemaento de auga que contempla un investimento de 1 millón de euros. “En total, destinaremos outro millón de euros a intervencións en Castelo de Arriba, Montero Ríos, Rúa Ourense, Pardo Bazán, Miguel de Cervantes, Pintor Pacios ou Cidade de Vigo – en canto a saneamento – e en Alexandre Bóveda, Pena da Mula, Rof Codina ou Río Azor en canto a abastecemento, con dúas mencións especiais: 198.400 euros para o saneamento do núcleo de Esperante e o proxecto para abordar a renovación integral que pretendemos levar a cabo en Fermín Rivera, dotado con 100.000 euros”, explicou a alcaldesa.
Así mesmo, Alvarellos informou de que este ano o rural terá un especial protagonismo nas costas municipais con case un millón de euros (990.000 €) en diferentes partidas como a mellora dos accesos a parcelas agrícolas, o arranxo de pistas e estradas, a creación de traída pública de auga ou aumentando e renovando o mobiliario das escolas rurais.
En materia deportiva investirase 500.000 euros en actuacións destacadas como o proxecto para un novo pavillón (50.000 euros) , a mellora da zona deportiva de San Fiz para incrementar a súa funcionalidade(250.000 euros), a creación dunha nova pista de pádel en Frigsa (30.000 euros )ou a renovación dos vestiarios do Daniel Cordido (50.000 euros) e a mellora da envolvente e eficiencia enerxética do pavillón municipal (30.000 euros).
Completando todo este traballo de mellora da cohesión territorial e de consolidación e expansión da infraestrutura municipal, e como aspecto destacado, as contas para 2025 inclúen unha partida de medio millón de euros destinada a cubrir as necesidades do benestar animal. “Ás subvencións de case 250.000 euros, hai que engadirlle outros 500.0000 euros máis, que empregaremos en redactar e cofinanciar a execución do proxecto para unha nova protectora de animais”, sinalou a rexedora.
Pola súa banda, Rubén Arroxo, presentou as partidas orzamentarias das áreas dependentes da Tenencia de Alcaldía incluídas no 2025. Arroxo presentou uns orzamentos deseñados baixo a idea de "avanzar en dúas liñas, a transformación física da cidade e a dinamización dos espazos públicos". Rubén Arroxo destacou que este orzamento "permítenos levar adiante proxectos importantes para a cidade despois dun 2024 que sufriu os efectos tardíos de anos anteriores, como a pandemia ou a crise de prezos". O tenente de alcaldesa afirmou que "saímos do 2024 dunha forma brillante, conseguimos manter o concello activo e dinámico malia a situación", e engadiu "en 2025 daremos un gran paso cara adiante mellorando Lugo".
No tocante á área de Mobilidade e Infraestruturas, Rubén Arroxo anunciou o investimento de 1.150.000€ para a renovación integral do Carril das Flores. "Trátase do punto de máis feísmo de toda a trama urbana de Lugo", explicou Rubén Arroxo, que engadiu "transformaremos a actual pasarela nun espazo peonil que chegue ata a rúa Primavera, dando a imaxe merecida a un punto no que se unen dous Patrimonios da Humanidade".
O responsable de mobilidade explicou que con esta actuación "completaremos a creación de dous grandes eixos peonís de máis de 2 Qm". O eixo Norte-Sur comprende o percorrido iniciado na rúa Milagrosa, cuxa peonalización está a piques de ser adxudicada, e remata na praza de Bretaña, mentres que a renovación do Carril das Flores creará o eixo Leste-Oeste, rematando no barrio de Recatelo.
Así, a Tenencia de Alcaldía continuará a investir na mellora dos espazos públicos. Para isto, Rubén Arroxo anunciou 140.000€ para a renovación da rúa Cambria "executando na entrada do Colexio Rosalía unha solución similar á da rúa Gallego Tato, avanzando na mellora dos espazos escolares cunha semipeonalización que permita garantir o acceso aos garaxes e aumente a seguridade na rúa".
Pola súa banda, a Ponte Romana recibe 50.000€ no orzamento que permitirán completar a restauración da estrutura despois de que, debido ao intenso caudal de auga que se rexistrou durante o 2024, non se puidera realizar a intervención. Ademais, investiranse 90.000€ na renovación da rúa Picasso, no Barrio de Fingoi.
As pavimentacións nas zonas urbanas e periurbanas contan cun orzamento de 1.2 millóns de euros, divididos en dúas partidas de 500.000€ para as zonas norte e sur e 200.000€ para barrios e zonas periurbanas. "Estes investimentos adícanse á mellora de pavimentos e beirarrúas ou á creación de elementos de calmado do tráfico", explicou Arroxo, que engadiu "tamén permiten crear pequenos espazos peonís, avanzando na implantación da cidade dos 5 minutos".
Arroxo avanzou que esta partida permitirá modificar a unión de Afonso X coa rolda de Fingoi "creando unha nova rotonda que permita mellorar a fluidez do tráfico". A Tenencia de Alcaldía de mobilidade e Infraestruturas reserva tamén 500.000€ para realizar melloras nos polígonos industriais, onde se require dun maior mantemento debido á circulación de vehículos pesados, e 100.000 para o mobiliario urbano, como marquesinas ou bancos. De cara á mellora da mobilidade no Rural, a área de Mobilidade reserva 20.000€ para o proxecto piloto de taxi rural a demanda. "Lugo pode ser a segunda cidade do estado que conte cun sistema que permita á veciñanza das parroquias sen servizo de bus poderán solicitar un taxi para achegarse ata a cidade a custo reducido", afirmou Rubén Arroxo.
"A área de Cultura asume neste 2025 o reto de programar actividade en catro grandes edificios, como son o novo Auditorio Fuxan os Ventos, o Auditorio Gustavo Freire, o MIHL e o Vello Cárcere" dixo Arroxo, que anunciou un incremento da partida adicada á programación cultural chegando a 837.000€, que se adicarán á actividade habitual das instalacións "e ás múltiples actividades de rúa, como o ciclo de poesía Versos na Barraca, ou o Muralleando, aparte de actividades infantís e outras programacións".
O San Froilán 2025 contará cun orzamento de 907.800€, aumentando a reserva orzamentaria con respecto a 2024. Arroxo fixo un chamamento á Xunta de Galiza "para que dea unha colaboración acorde á gran festa do outono galego". O tenente de alcaldesa afirmou que, no ano 2024, a Deputación colaborou con 150.000€, mentres que a Xunta só aportou 25.000€ "unha cantidade irrisoria comparando coa colaboración da Xunta noutras actividades privadas".
Resérvanse tamén 40.000€ para actividades educativas, como os Vieiros Escolares Seguros ou os Hortos Escolares organizados pola concellería de Educación.
No tocante á área de Participación, Rubén Arroxo destacou un investimento de 200.000€ para continuar a ampliar o Cemiterio Municipal e realizar arranxos nesta instalación. Ademáis, inclúense no Orzamento 145.000€ que se adicarán a diversas melloras da praza de Abastos e do Mercado Municipal, reservando 100.000€ para a renovación do acceso para persoas con mobilidade reducida á Praza, que se reconstruirá, e 40.000€ para a adecuación de postos baleiros de ambas instalacións, para proceder posteriormente á súa licitación. Resérvanse tamén 70.000€ para a dinamización destas instalacións.
Por ultimo a rexedora sinalou que orzamento que se elaborou desde a contención e a prudencia en canto á previsión de ingresos e que busca a eficiencia non só do gasto municipal senón tamén a dos seus servizos e dotacións, marcando, á súa vez, a folla de roteiro dos investimentos locais para os próximos exercicios “nos que esperamos estar en disposición de levar a cabo un maior nivel de investimento despois destes anos de reequilibrio financeiro, tan importante para poder desenvolver unha xestión responsable e rigorosa”.
Audio
- A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, sobre os orzamentos do 2025 | Descargar mp3
- O edil Rubén Arroxo, sobre os orzamentos do 2025 | Descargar mp3




