As contas municipais, dotadas con 121,1 millóns de euros, permitirán avanzar na calidade dos servizos públicos, consolidar a dinamización económica e fomentar o emprego de calidade.
“A súa materialización vai permitir que Lugo creza como cidade, mellorando os servizos á cidadanía e respondendo ás demandas sociais reais”, destacou a rexedora.

A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, presentou esta mañá ante o Consello Económico e Social o anteproxecto de orzamentos municipais para 2025. Este órgano, que reúne representantes de entidades sociais, empresariais, sindicais e institucións públicas, analizou as claves dunhas contas que buscan consolidar Lugo como referente de progreso e benestar.
Alvarellos subliñou a importancia do equilibrio financeiro destas contas, que permitirán avanzar na rexeneración urbana, no apoio ao tecido asociativo e na creación de infraestruturas e servizos que respondan ás necesidades da veciñanza. “A súa materialización vai permitir que Lugo creza como cidade, mellorando os servizos á cidadanía e respondendo ás demandas sociais reais”, afirmou.
“Son uns orzamentos pensados para seguir avanzando cara a un Lugo máis inclusivo, innovador e sostible, no que cada investimento se traduza en melloras concretas para a nosa veciñanza”, concluíu a rexedora.


