A concellería de Deportes destinará 321.000 euros a apoiar ás entidades deportivas e sen ánimo de lucro do municipio.
Os clubs poderán cubrir o 100% dos custos de persoal e ata o 20% dos gastos indirectos grazas ás novas bases reguladoras.
“Traballamos para garantir que as axudas cheguen con máis axilidade e eficacia, facilitando o día a día das entidades deportivas”, sinalou Jorge Bustos.

O Executivo de Paula Alvarellos aprobou en Xunta de Goberno Extraordinaria as bases reguladoras das subvencións dirixidas a clubs e entidades deportivas sen ánimo de lucro que fomentan o deporte e a actividade física en Lugo, por un importe total de 321.000 euros. “O obxectivo desta iniciativa é promocionar o labor destes colectivos que va moito máis alo dun traballo estrictamente deportivo, senon que tamén fan un gran labor social”, destacou o edil Jorge Bustos.
Entre as principais novidades destacan a subvención de ata o 100% dos gastos de persoal, como nóminas, IRPF ou cotizacións á Seguridade Social, e o financiamento dun máximo do 20% de gastos indirectos necesarios para o funcionamento das entidades, como luz, alugueiros ou servizos de xestoría. Ademais, establécese o pagamento anticipado do 50% das axudas concedidas, sen necesidade de solicitude previa nin garantías adicionais.
“Estas novidades permitirán que os clubs e asociacións teñan acceso ás axudas con maior axilidade e que dispoñan dos recursos necesarios para seguir realizando un labor fundamental no fomento do deporte e dos hábitos saudables na nosa cidade”, explicou o concelleiro Jorge Bustos.
Bustos destacou tamén o compromiso do Concello para atender as demandas do tecido asociativo e eliminar barreiras administrativas que poidan dificultar o seu traballo. “Sabemos que a práctica deportiva non só é esencial para o desenvolvemento físico, senón tamén unha ferramenta de integración e cohesión social. Queremos que cada colectivo teña ao seu alcance os medios para seguir medrando e fortalecendo o tecido asociativo deportivo”, engadiu o edil.
Prazo de solicitudes e criterios de avaliación
As entidades interesadas poderán presentar as súas solicitudes no prazo de 10 días hábiles dende a publicación do extracto da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia, de maneira telemática a través da sede electrónica do Concello ou en calquera rexistro oficial.
Na concesión das axudas teranse en conta criterios como o número de deportistas federados, a participación en competicións de nivel galego ou nacional, a organización de eventos deportivos e o uso das instalacións municipais.
“Con este impulso damos un paso máis para garantir a estabilidade e continuidade do deporte lucense, apoiando non só aos clubs establecidos, senón tamén ás novas disciplinas que están a emerxer”, concluíu Bustos.
Audio
- O concelleiro Jorge Bustos, sobre a práctica deportiva | Descargar mp3

