A Xunta de Goberno Local autorizou hoxe unha achega de 4.000 € coa que o Concello quere contribuír a paliar as necesidades máis perentorias das familias lucenses.
Na sesión desta semana tamén foron aprobadas cinco licenzas urbanísticas que suporán un investimento na cidade superior aos 240.000 euros.

O Executivo de Lara Méndez, a través da área de Benestar, colaborará con Cáritas Diocesanas de Lugo a través dunha subvención directa e excepcional de 4.000 € para financiar parcialmente programas dirixidos á cobertura de necesidades básicas de persoas que se atopan en situación de vulnerabilidade.
A concelleira Olga López Racamonde sinalou que “esta achega obedece ao interese público e social deste Goberno por apoiar, dende todas as perspectivas posibles, a aquelas entidades que traballan na atención asistencial á sociedade, como é o caso desta organización”.
“A pandemia trouxo consigo o incremento notable do número de persoas en situación de vulnerabilidade e risco de exclusión que demandan a cobertura de necesidades básicas como a alimentación e vivenda, subministracións enerxéticas, roupa e outros produtos de primeira necesidade. Por iso, coñecedores desta realidade, ademais do labor ordinario e constante que desempeñamos dende os Servizos Sociais Municipais para atender todas as peticións que recibimos, habilitamos agora esta partida de 4.000 € para cooperar con Cáritas na achega de recursos cos que previr novas situacións de exclusión e brindar apoio ás familias que, nestes momentos, pasan por maiores dificultades derivadas da crise que orixinou a COVID, poñendo un énfase especial no que ten que ver coa protección de menores”, referiu a edil de Benestar.
Licenzas Urbanísticas
Xa noutra orde de asuntos, a Xunta de Goberno Local desta semana aprobou a concesión de 5 licenzas urbanísticas para acometer diferentes actuacións no termo municipal que, no seu conxunto, suman un investimento superior aos 240.000 €.
Entre as obras autorizadas figuran a instalación dun ascensor nun inmoble da rúa Roi Xordo, varias modificacións de distribución e fachada nun edificio da rúa Castelao, así como o cambio de uso de local comercial a garaxe privado nunha vivenda da rúa do Franco e a demolición das dúas naves que se viron afectadas polo incendio que afectou ao Polígono do Ceao o pasado mes de abril.
Audio
- A concelleira de Benestar, Olga López Racamonde, sobre a subvención excepcional a Cáritas | Descargar mp3