Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > A área de Benestar colabora con Cáritas para atallar a vulnerabilidade social que orixinou a pandemia

A área de Benestar colabora con Cáritas para atallar a vulnerabilidade social que orixinou a pandemia

A Xunta de Goberno Local autorizou hoxe unha achega de 4.000 € coa que o Concello quere contribuír a paliar as necesidades máis perentorias das familias lucenses.

Na sesión desta semana tamén foron aprobadas cinco licenzas urbanísticas que suporán un investimento na cidade superior aos 240.000 euros.

  • Tema
    • Benestar social,
    • Asociacións sociais,
    • Solidariedade,
    • Subvencións municipais,
    • Urbanismo,
    • Licenzas urbanismo
Mércores, 22 de setembro de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A área de Benestar colabora con Cáritas para atallar a vulnerabilidade social que orixinou a pandemia

O Executivo de Lara Méndez, a través da área de Benestar, colaborará con Cáritas Diocesanas de Lugo a través dunha subvención directa e excepcional de 4.000 € para financiar parcialmente programas dirixidos á cobertura de necesidades básicas de persoas que se atopan en situación de vulnerabilidade.

A concelleira Olga López Racamonde sinalou que “esta achega obedece ao interese público e social deste Goberno por apoiar, dende todas as perspectivas posibles, a aquelas entidades que traballan na atención asistencial á sociedade, como é o caso desta organización”.

“A pandemia trouxo consigo o incremento notable do número de persoas en situación de vulnerabilidade e risco de exclusión que demandan a cobertura de necesidades básicas como a alimentación e vivenda, subministracións enerxéticas, roupa e outros produtos de primeira necesidade. Por iso, coñecedores desta realidade, ademais do labor ordinario e constante que desempeñamos dende os Servizos Sociais Municipais para atender todas as peticións que recibimos, habilitamos agora esta partida de 4.000 € para cooperar con Cáritas na achega de recursos cos que previr novas situacións de exclusión e brindar apoio ás familias que, nestes momentos, pasan por maiores dificultades derivadas da crise que orixinou a COVID, poñendo un énfase especial no que ten que ver coa protección de menores”, referiu a edil de Benestar.

Licenzas Urbanísticas

Xa noutra orde de asuntos, a Xunta de Goberno Local desta semana aprobou a concesión de 5 licenzas urbanísticas para acometer diferentes actuacións no termo municipal que, no seu conxunto, suman un investimento superior aos 240.000 €.

Entre as obras autorizadas figuran a instalación dun ascensor nun inmoble da rúa Roi Xordo, varias modificacións de distribución e fachada nun edificio da rúa Castelao, así como o cambio de uso de local comercial a garaxe privado nunha vivenda da rúa do Franco e a demolición das dúas naves que se viron afectadas polo incendio que afectou ao Polígono do Ceao o pasado mes de abril.

Audio

  • A concelleira de Benestar, Olga López Racamonde, sobre a subvención excepcional a Cáritas | Descargar mp3 [1]

URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/area-de-benestar-colabora-con-caritas-para-atallar-vulnerabilidade-social-que-orixinou

Ligazóns:
[1] https://concellodelugo.gal/sites/default/files/220921_olga_lopez_-_subvencion_excepcional_caritas.mp3