Ana Abelleira avoga polo valor da proximidade como garantía dunha inclusión efectiva nun foro sobre pobreza

A Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión participou este martes na Facultade de Filosofía de Santiago de Compostela no V Foro sobre probreza, exclusión social, terceiro sector e voluntariado

Martes, 24 de novembro de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa
V Foro sobre probreza, exclusión social, terceiro sector e voluntariado

A Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana González Abelleira participou este martes na Facultade de Filosofía de Santiago de Compostela no V Foro sobre probreza, exclusión social, terceiro sector e voluntariado, organizado pola Rede Europea de Loita contra a Pobreza e a Exclusión Social (EAPN), o Comité de Entidades Representantes de Persoas con Discapacidade de Galicia (CERMI Galicia) e a Coordinadora Galega de ONGD.

No foro, González Abelleira avogou polo valor da proximidade como garantía dunha inclusión efectiva e puxo en valor o traballo do Concello de Lugo, primeiro de Galicia e cuarto en España en inversión social. Neste senso, a edil lembrou o incremento nun 84% nos últimos 8 anos dos beneficiarios das rentas de integración en Lugo, pasando de 99 en 2007 a 624 en 2015, e fixo fincapé nunha imprescindible diagnose da situación para garantir o doble dereito da renda mínima e unha inclusión, así como nunha simplificación e axilización dos trámites para certificar a igualdade de aceso a estas axudas e unha complementariedade entre o marco estatal, autonómico e local.

Baixo o lema Compromiso, Coordinación, Causas e Oportunidades para a inclusión activa, este foro pretende contribuír á capacitación das persoas asistentes en aspectos relacionados coa inclusión activa e o acceso a recursos de calidade, ademais de visibilizar a realidade da desigualdade, a pobreza e a exclusión social en Galicia e a importancia que o terceiro sector e o voluntariado teñen na implantación de políticas de inclusión social activa. Neste senso, o encontro ten ademais como obxectivo profundar en como mellorar o compromiso social e político, a coordinación entre adminsitracións e co terceiro sector e a inclusión, loitando contra as causas da pobreza.

A mesa de debate na que interviu a edil tratou sobre o compromiso e coordinación na loita contra a pobreza. Nela participaron a directora xeral de familia, infancia e dinamización demográfica, Amparo González, o alcalde de Muras, Manuel Requeijo, a concelleira de servizos sociais de Ourense, María Sofía Godoy; a concelleira de políticas sociais, diversidade e saúde de Santiago, Concha Fernández, e a concelleira de xustiza social e coidados da Coruña, Silvia Cameán. A programación deste encontro incluía ademais conferencias sobre problemas e retos na loita contra a probreza e a exclusión social ou as claves para unha coordinación efectiva entre administracións e colectivos sociais, así como talleres sobre os retos para unha RISGA efectiva, entre outros. 

Noticias relacionadas