Alexandre Penas informou das incidencias na rede semafórica durante a fin de semana

Tratouse dunha avaría eléctrica provocada por mordeduras de ratas no cableado

A área de Mobilidade e Infraestruturas trasladou ao departamento de Medio Ambiente un informe para solicitar a desratización da zona

Luns, 30 de decembro de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Alexandre Penas informou das incidencias na rede semafórica durante a fin de semana

O concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Alexandre Penas, deu conta das incidencias que esta fin de semana aconteceron na rede semafórica municipal. Penas indicou que “durante esta fin de semana, varios semáforos da Fonte dos Ranchos estiveron sen funcionar debido a mordeduras de ratas que afectaron ao cableado” indicou Alexandre Penas, que engadiu “o persoal de mantemento da rede estivo traballando nesta incidencia, que xa está totalmente solucionada”.

“Esta é unha incidencia que se vén repetindo nos últimos tempos en varios puntos da cidade” indicou Alexandre Penas, que engadiu “vimos de trasladar un informe á área de Medio Ambiente, para que poidan estudar as posibilidades de realizar unha desratización nos puntos máis habituais deste tipo de incidencias e garantir o bo funcionamento da rede semafórica e de alumeado”.

A área de Mobilidade e Infraestruturas inviste anualmente 200.000€ neste contrato, que inclúe un total de 5 persoas empregadas, que traballan de luns a venres e durante as mañás dos sábados. Durante os dous últimos anos, o contrato estivo prorrogado, rematando a principios deste mes. “Estamos traballando xa na renovación do contrato, que agardamos que saia nos seguintes meses”, indicou o edil nacionalista, que engadiu “neste novo contrato, estase estudando a inclusión da renovación do cableado por cable apantallado metálico, que reducirá este tipo de incidencias, e por outra banda, aumentar a atención tamén ás fins de semana”.

Audio

  • O concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Alexandre Penas, sobre a rede semafórica municipal | Descargar mp3

Multimedia

  • Alexandre Penas informou das incidencias na rede semafórica durante a fin de semana

Noticias relacionadas