Abre a inscrición do programa municipal Aprende Xogando para o 2º trimestre do ano, en apoio á conciliación laboral e familiar

O prazo de inscrición do programa Aprende Xogando inclúe tanto as vacacións de Nadal como o segundo trimestre do curso escolar 2023/2024.

As solicitudes para este servizo poderán efectuarse até o 7 de decembro a través do correo electrónico aprendexogando@lugo.gal

Venres, 01 de decembro de 2023
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Abre a inscrición do programa municipal Aprende Xogando para o 2º trimestre do ano, en apoio á conciliación laboral e familiar

Esta mañá abría o prazo de inscrición do programa municipal Aprende Xogando.

A iniciativa, promovida polo Executivo de Lara Méndez, dende a Casa da Muller, trata de facilitar a conciliación familiar durante as mañás das vacacións de Nadal e para o 2º trimestre do curso escolar, correspondente ás tardes dos meses de xaneiro, febreiro e marzo.

“As crianzas poderán gozar de actividades educativas e moi divertidas coas que se pretende promover hábitos saudables e fomentar a práctica do xogo en grupo, seguindo o modelo coeducativo do que xa se levan beneficiando durante os últimos anos os nenos e nenas da cidade”, sinalou a tenenta de alcaldesa de Cohesión Social, Ana González Abelleira.

O programa Aprende Xogando está dirixido a nenas e nenos empadroadas/os no Concello de Lugo cunha idade comprendida entre os 4 e os 12 anos. Poderán acceder ao programa menores con 3 anos que se atopen escolarizados e sempre que cumpran os 4 anos no período solicitado.

O programa levarase a cabo durante as vacacións escolares de Nadal en quendas de mañá, das 9:00 ás 14:00 horas, e para o 2º trimestre do curso escolar, correspondente ás tardes dos meses de xaneiro, febreiro e marzo, das 16:00 ás 20:30 horas nos centros de convivencia Uxío Novoneyra, Maruja Mallo e Milagrosa.

As solicitudes para este servizo poderán efectuarse, ate o próximo 7 de decembro, a través do correo electrónico aprendexogando@lugo.gal achegando, con carácter obrigatorio, fotocopia do DNI da nai/pai ou da persoa que represente legalmente ao menor, que asine a solicitude; fotocopia cotexada do libro de familia ou documentos equivalentes, fotocopia da tarxeta sanitaria da nena/o e certificado médico ou informe de calquera dato médico de relevancia para a prestación do servizo.

No caso de que o número de solicitudes presentadas fose superior ao das prazas ofertadas, aplicaranse as seguintes prioridades: fillas/os de mulleres víctimas de violencia de xénero, de familias monomarentais ou monoparentais, de nais/pais con persoas dependentes ao seu cargo e nais/pais que traballen ou estean a formarse.

Noticias relacionadas