Aberto ata o día 19 o prazo de inscrición para o Obradoiro de Fotografía Social, no Centro de Convivencia de Fingoi

Esta actividade gratuíta, que terá lugar o luns 24, será impartida por Felipe Carnotto, gañador do concurso Imaxes con Fondo II e creador da exposición Nicaragua, o Futuro

Venres, 14 de outubro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Concellería de Benestar Social, Igualdade e Inclusión do Concello de Lugo, que dirixe Ana González Abelleira, organiza un curso de fotografía social relacionada coa exposición Imaxes con Fondo, que acolleu este mesmo centro do 11 ao 24 de xullo.

A actividade formativa terá lugar o luns 24 de outubro, de 18:00 a 20:00 horas. Todas as persoas interesadas en participar, poden realizar a inscrición no mesmo Centro de Convivencia de Fingoi, no seu horario habitual, ata o día 19.

Neste obradoiro, dirixido a persoas maiores de 18 anos ou de 14 acompañadas, trataranse temas tales como a imaxe como ferramenta de cambio social, a historia da fotografía documental, que é o fotoxornalismo ou o respecto polas persoas fotografadas.

Os asistentes terán a oportunidade de visionar o traballo realizado polo propio fotógrafo vigués Felipe Carnotto en Nicaragua, na ruta das persoas refuxiadas, así como de aplicar os coñecementos adquiridos ao longo da xornada cunha actividade de fotografía a través dos teléfonos móbiles.

Máis información no teléfono 982-29-74-55, no teléfono de información municipal, 010 ou 982-29-73-50 para os de fóra de Lugo, ou no propio Centro de Convivencia, na rúa Aviación Española 22-24.

Audio

  • Ana González Abelleira, sobre a inscrición para o Obradoiro de Fotografía Social | Descargar mp3

Noticias relacionadas