Aberta a inscrición para as Aulas Abertas do Nadal, que oferta un ano máis o Goberno para facilitar a conciliación

As Aulas Abertas celebraranse dende o 26 de decembro ao 4 de xaneiro, de 09:00 a 14.00 horas, nos centros de convivencia da Milagrosa e Maruja Mallo

As solicitudes poden realizarse ata o venres, 14 de decembro, de 09:00 a 13:00 horas no centro no que se queira realizar a actividade

Mércores, 12 de decembro de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concello de Lugo vén de abrir o prazo de inscrición para a programación de Aulas Abertas, que oferta un Nadal máis o Goberno de Lugo, coa finalidade de facilitar a conciliación da vida familiar e laboral nas vacacións destas datas. As actividades terán lugar nos centros de convivencia da Milagrosa e Maruja Mallo.

As solicitudes poden realizarse dende hoxe e ata o venres, 14 de decembro, de 09:00 a 13:00 horas no centro no que se queira realizar a actividade. Resérvase un máximo dun 40% das prazas para persoas con diversidade funcional. Cada persoa só poderá efectuar solicitudes para unha única unidade familiar. As prazas adxudicaranse por rigorosa orde de inscrición. A participación nesta programación seguirá a seguinte orde de prioridade: persoas empadroadas no Concello de Lugo, persoas non empadroadas derivadas polo servizos sociais do Concello.

As Aulas Abertas están dirixidas a nenos e nenas de 3 a 11 anos. Hai 20 prazas en cada centro, é dicir, un total de 40 prazas. Celebraranse os días 26, 27 e 28 de decembro e os días 2, 3, e 4 de xaneiro de 2019. As persoas interesadas deberán aboar 1,03 euros ao día.

Con estas propostas, o Goberno pretende unha vez máis axudar aos pais e nais a compatibilizar mellor a súa xornada de traballo coa atención dos nenos e nenas nestas datas; e ofrecer, ao mesmo tempo, alternativas lúdicas para que os cativos e cativas pasen este tempo con outros pequenos e pequenas compartindo actividades que suman aspectos lúdicos e educativos.

Noticias relacionadas