300 participantes uníronse á campaña ‘Movémonos por Lugo’ para incentivar o uso da bicicleta na zona urbana e cambiar a mobilidade

A Alcaldesa anima a adquirir novos hábitos de desprazamento cotián pola cidade utilizando a bicicleta en detrimento do vehículo privado, gran contaminante.

Os ciclistas gañadores recibiron un vale de 2.000 euros na categoría de adultos e 500 euros para a mocidade, para adquirir material de ciclismo no pequeno comercio.

O primeiro paso para impulsar o cambio foi a creación dunha senda verde ciclista segura de 15 quilómetros, que percorre 8 barrios da cidade e que os une coa contorna do Miño.

Mércores, 26 de abril de 2023
Fonte: 
Gabinete de Prensa
300 participantes uníronse á campaña ‘Movémonos por Lugo’ para incentivar o uso da bicicleta na zona urbana e cambiar a mobilidade

A Alcaldesa, Lara Méndez, entregou hoxe os premios aos participantes da campaña ‘Movémonos por Lugo’, posta en marcha polo Concello para incentivar o uso da bicicleta e acadar unha mobilidade neutra en carbono nos desprazamentos pola cidade.

A iniciativa enmárcase na estratexia Lugo en Bicicleta, encamiñada a transformar a mobilidade da cidade co fin de que sexa climaticamente neutra, “é dicir, que poidamos rebaixar os niveis de contaminación medioambiental e acústica así como mellorar a saúde de cidadanía, e para iso é necesario impulsar entre a veciñanza o uso da bicicleta nos seus desprazamentos urbanos habituais e cotiáns en detrimento do vehículo privado”, segundo lembrou a rexedora.

Segundo todos os estudos, o tráfico rodado é o que máis contribúe ao quecemento global.

O primeiro paso para impulsar este cambio de mobilidade foi a creación da senda verde ciclista urbana, de 15 quilómetros, “para que a cidadanía se anime a circular en bicicleta sentíndose máis segura nos seus desprazamentos, especialmente a xente máis nova”, sostivo a rexedora, que lembrou que esta é a estratexia que están desenvolvendo todas as urbes do mundo.

No caso de Lugo, a senda verde ciclista percorre 8 barrios da cidade e os une ao mesmo coa contorna do Miño. O 50% da senda son carrís segregados, e o 50% restante é tráfico compartido por rúas onde se rebaixa ao 20% a circulación dos vehículos.

A través da campaña ‘Movémonos por Lugo’, que se desenvolveu entre o 14 e o 23 de abril, os  participantes gañadores recibiron, na categoría de adultos, un vale de 2.000 euros para comprar material de ciclismo no pequeno comercio da cidade, vale que no caso da mocidade foi de 500 euros.

Outras actuacións de promoción

O Concello de Lugo traballa man a man na posta en marcha de accións encamiñadas a este cambio de mobilidade coa Mesa Observatorio no marco do Centro de Promoción da Bicicleta, integrada por colectivos e institucións vinculados ao mundo da bicicleta e dos potenciais usuarios, como a Universidade, as ANPAs, os clubs ciclistas, os comercios especializados en ciclismo de Lugo, o grupo Mulleres en Forma e Masa Crítica.

Actualmente está en marcha un curso de mantemento e reparación de bicicletas convencionais, eléctricas e outros vehículos de mobilidade urbana, dentro da programación do Lugo +Xti 2023, subvencionada polo Plan Nacional sobre Drogas dirixido a lucenses de 16 a 39 anos, empadroados en Lugo.

Nos vindeiros días darán comezo as xornadas da ‘Bicescola’ para adultos orientadas a persoas que non adquiriron a habilidade de andar en bicicleta e agora desexan aprender. A formación desenvolverase en seis sesións, na senda verde ciclista da contorna do Miño, e cada unha terá unha hora e media de duración.

Gañadores

  • Maria Jose Pacheco Rubiero (Adultos)
  • Iker Abelleira Yañez (Mozos)

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre a campaña ‘Movémonos por Lugo’ | Descargar mp3

Multimedia

  • 300 participantes uníronse á campaña ‘Movémonos por Lugo’ para incentivar o uso da bicicleta na zona urbana e cambiar a mobilidade

Noticias relacionadas