A Área de Xuventude impulsa un novo ciclo sobre adiccións comportamentais ao abeiro do programa +Xti

O VI Ciclo de Adiccións sen Substancia desenvolverase no Vello Cárcere os días 10, 17, 24 e 30 de xuño, con entrada libre e ponentes de referencia no ámbito clínico e educativo.

Está dirixido á mocidade lucense, así como a familias, profesionais da educación, da saúde e colectivos sociais.

Jorge Bustos salienta que “apostamos por actividades con contido, que axuden a detectar e previr situacións de risco emocional e social”.

Venres, 06 de xuño de 2025
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A Área de Xuventude impulsa un novo ciclo sobre adiccións comportamentais ao abeiro do programa +Xti

O Concello de Lugo, a través da Concellería de Xuventude e coa colaboración do Plan Nacional sobre Drogas, organiza unha nova edición do Ciclo de Adiccións sen Substancia dentro do programa +XTi. Esta actividade formativa e divulgativa, xa consolidada na programación anual, terá lugar no salón de actos do Vello Cárcere os días 10, 17, 24 e 30 de xuño ás 19:00 horas, con entrada libre ata completar aforo.

O ciclo está dirixido á mocidade de Lugo, pero tamén a familias, persoal docente, profesionais da saúde mental e colectivos sociais que traballan coa xente nova. A programación aborda cuestións como a presión estética e social, a adicción ao xogo ou á pornografía, o impacto emocional das redes sociais ou a medicalización do malestar.

“O noso obxectivo é ofrecer espazos que conecten coa realidade da mocidade e que contribúan a identificar condutas de risco que moitas veces pasan desapercibidas”, explicou o concelleiro de Xuventude, Jorge Bustos. “Son sesións con moita carga emocional e práctica, impartidas por especialistas con traxectorias recoñecidas a nivel estatal”, engadiu.

A primeira sesión terá lugar o martes 10 de xuño coa intervención de Celia Menéndez Caravia, residente de Psicoloxía Clínica no HULA, que falará sobre os factores sociais e emocionais que inflúen na saúde mental da mocidade baixo o título “E se o sufrimento tivese algo que dicirnos?”.

O día 17, Héctor Méndez Fernández, psicólogo da Garda Civil de Lugo, ofrecerá unha charla sobre “Adicción ao porno”, centrada na influencia da pornografía na percepción das relacións e a súa vinculación con fenómenos como a violencia dixital ou a pornovenganza.

O ciclo continuará o 24 de xuño con Álvaro García del Castillo, vicedecano da Universidade Miguel Hernández e director do Instituto de Investigación en Drogodependencias, que achegará unha panorámica sobre o presente e futuro das adiccións comportamentais, como o xogo patolóxico ou o uso abusivo das redes sociais.

Pechará o ciclo o luns 30 Pablo Ojeda Jiménez, psiconutricionista, divulgador e autor do libro “Cuando me alimenté del juego”, quen compartirá a súa experiencia persoal fronte á ludopatía nun relato honesto sobre caída e recuperación.

Para máis información sobre o ciclo e o programa +XTi pode consultarse a web www.lugomasxti.org ou chamar ao teléfono 982 297 498.

Audio

  • O edil de Xuventude, sobre a nova edición do Ciclo de Adiccións sen Substancia dentro do programa +XTi | Descargar mp3

Noticias relacionadas