A concelleira de Benestar Social sinala que “compartimos obxectivos con esta iniciativa a prol do envellecemento activo, polo que crearemos o Consello Municipal de Persoas Maiores”.
A edil lembrou o traballo conxunto con Fegaus para realizar en Lugo o programa de radio contra a soidade non desexada e falou da importancia de plans municipais como “Acompañámoste”.

A concelleira de Maiores, Olga López Racamonde, participou esta mañá nas III Xornadas de Asociacións Universitarias Sénior, celebradas na Facultade de Humanidades de Lugo do Campus Terra, baixo o lema “Aprendizaxe ao longo da vida. Un reto para o século XXI”. Durante toda a xornada haberá conferencias sobre envellecemento saudable e activo, e sobre a importancia dunha aprendizaxe continua para avanzar individual e socialmente, e acadar a renovación constante mediante o coñecemento.
López Racamonde eloxiou esta iniciativa, organizada pola Federación Galega de Asociacións Universitarias Sénior, Fegaus, un colectivo co que lembrou tamén colaborou recentemente para realizar en Lugo o programa de radio contra a soidade non desexada, algo contra o que “desde o Concello de Lugo estamos comprometidos a evitar co plan municipal “Acompañámoste”.
Ademais, a edil de Maiores explicou que “desde o Concello de Lugo colaboramos con esta xornada, coa que ademais compartimos obxectivos, como é ampliar a participación activa e a integración deste colectivo en todos os ámbitos da sociedade, tamén no municipal, de aí que traballemos na creación do Consello Municipal das Persoas Maiores”. De feito, a concellería de Benestar e Maiores explica que “o Executivo de Paula Alvarellos, ten previsto a posta en marcha do citado consello ao longo deste 2024, para que este grupo de poboación teña representación nos distintos ámbitos e estamentos da sociedade, co fin de acadar un enriquecemento recíproco e atender as súas necesidades específicas”.

